Publicador de contidos
Publicador de contidos

Diego Calvo: "A avaliación do cumio do corredor atlántico ten que ser positiva"

Diego Calvo: "A avaliación do cumio do corredor atlántico ten que ser positiva"

O vicepresidente segundo di que van seguir presionando para que se atendan as demandas do nó ferroviario

Cualifica de "trampa" a afirmación do Ministerio de que inviste o mesmo no corredor mediterráneo ca no atlántico

G24.gal 28/01/2023 10:50 Última actualización 28/01/2023 15:01

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avalía positivamente o resultado do cumio celebrado en Santiago entre Galicia, Asturias e Castela e León sobre o corredor atlántico de mercadorías.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Diego Calvo asegura que grazas á presión destas tres comunidades o Goberno decidiu nomear un comisionado e convocará unha nova reunión para abordar o asunto.

Segundo Calvo, tanto a Xunta coma os outros gobernos autonómicos seguirán presionando para que se atendan as demandas sobre este nó ferroviario. 

"Froito dese traballo que se segue continuando, o Goberno ten que ceder e nomear un comisionado. É un primeiro paso. Levabamos moito tempo con esa figura prometida pero dende logo alegrámonos de que polo menos ese paso se conseguise. Se para iso hai que facer máis cumios, hai que facer máis encontros e hai que estar todos xuntos falando da necesidade de non esquecer o noroeste, cos nosos veciños de Asturias e de Castela e León, imos seguir facéndoo".

Diego Calvo tamén agarda que na próxima reunión -desta volta a instancias do Goberno en Asturias e para a que aínda non hai data- o comisionado nomeado polo Ministerio atenda as peticións que as tres comunidades xulgan precisas para impulsar o corredor atlántico e se "inclúan nun plan director". 

"As infraestruturas pendentes, a electrificación das vías que quedan por facer, o aumento dos gálibos, porque non ten sentido, se non, falar do transporte de mercadorías por tren ou a redución das ramplas, que é o que falaba o presidente de Asturias. Todas esas obras que as temos cuantificadas, que as temos sinaladas e sabemos do que estamos a falar aínda que non están feitos os proxectos o que queremos é que se inclúan nun plan director". 

O vicepresidente segundo da Xunta tamén cualifica de "trampa" a afirmación do Ministerio de Transportes de que o investimento para o corredor mediterráneo é semellante ao do atlántico. Segundo Calvo, "chámanlle corredor atlántico á conexión Madrid-Alxeciras e logo conexión a Lisboa". 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade