Diego Calvo: "Se lle volven preguntar ao ministro para a semana, igual estamos en 8.000 millóns pola AP-9"
Diego Calvo: "Se lle volven preguntar ao ministro para a semana, igual estamos en 8.000 millóns pola AP-9"
Diego Calvo: "Se lle volven preguntar ao ministro para a semana, igual estamos en 8.000 millóns pola AP-9"
O conselleiro da Presidencia di confiar en que o PSdeG consiga que o Goberno acceda á transferencia da Autoestrada do Atlántico
Avanza que no mes de xuño terá unha reunión co comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico Noroeste
O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, insiste na Radio Galega na reclamación da transferencia da AP-9 a Galicia e da súa gratuidade. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana.
Calvo di confiar en que os socialistas galegos axuden a que o Goberno central acceda agora ao traspaso da autoestrada do Atlántico, ao tempo tira de retranca para avaliar o baile de cifras ofrecido nas últimas semanas polo ministro de Transportes, Óscar Puente, á hora de taxar un eventual rescate da autoestrada.
"Eu estaba presente cando o ministro cambiou a cifra. A principios de semana eran 4.000 (millóns), despois 6.000 e se lle volven preguntar para a semana que vén, igual estamos en 8.000. A min gustaríame pensar que efectivamente imos ser capaces e que o Partido Socialista en Galicia vai conseguir que o Goberno vote a transferencia. Creo que iso non implica tantos cartos e se temos a transferencia cos recursos necesarios para poder xestionala haberá tempo para poder falar dos seguintes pasos".
O conselleiro da Presidencia lanzou dobre crítica aos dous partidos da oposición en Galicia a conta da súa actitude sobre a AP-9. Aos socialistas lémbralles que foi "o candidato" do Partido Socialista en Galicia quen dixo que "a AP-9 tiña que ser gratuíta". Para Calvo, o PSdeG é "sucursal" do Goberno e "está perdido".
Sobre o Bloque Nacionalista Galego, Calvo aponlle que en Madrid "non fai valer o seu peso en Galicia nos concellos e nas Deputacións" e que o Partido Socialista "se ri constantemente durante anos do Bloque Nacionalista Galego".
Corredor Atlántico Noroeste
Na conversa, o conselleiro de Presidencia avanzou que neste mes de xuño está previsto que se reúna co comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico Noroeste Ferroviario de Mercadorías. Segundo explicou Calvo, o venres en Lugo coincidiu con José Antonio Sebastián Ruiz e quedaron e fixar data para abordar obras, prazos e orzamentos deste nó ferroviario.
Segundo Calvo, na presentación que houbo na Coruña "non quedou claro nada" e "daba a sensación de que se mesturaban tramos e obras que non tiñen que ver co Corredor".
"Se non é esta semana, a seguinte, pero no mes de xuño poder manter unha reunión para esclarecer moitos dos plans que ten pensado facer o Ministerio".
Para Calvo, esta reunión será "o primeiro paso para que as cousas empecen a funcionar".
Besteiro antepón a gratuidade á transferencia
O líder dos socialistas galegos considera que á cidadanía lle preocupa máis a gratuidade da autoestrada que a cesión da titularidade.
"Se me dan a elixir entre gratuidade e transferencia, eu quedo coa gratuidade".
Segundo José Ramón Gómez Besteiro, que o tema sexa complexo "non quere dicir que sexa imposible" e asegura que hai previsión de aumentar as bonificacións actuais do 50 %.
Sen renunciar a reclamar a competencia da AP-9, pídelle ao PP e ao BNG que apoien uns orzamentos xerais do estado que inclúan bonificacións do 75 % das peaxes.