Diego Gómez: "Nun derbi non hai favorito"
O extremo dixo estar “moi contento” por estrearse como titular co Deportivo
Diego Gómez, extremo do R. C. Deportivo, eludiu este xoves o papel de favorito do seu equipo no derbi que disputará o sábado contra o Rácing na Malata.
“Nun derbi nunca pode haber un favorito. Eles levan unha mala serie, pero ao final nun partido nunca se sabe que pode pasar e eles van dar o máximo. Non vou dicir un favorito, pero si vou dicir que o Dépor vai ir gañar. Faremos todo o que estea na nosa man para levar os tres puntos para a Coruña”, afirmou en rolda de prensa.
O xogador deportivista espera a un Rácing “moi motivado” a pesar da súa delicada situación clasificatoria porque haberá “un grande ambiente” no estadio e tentarán dar “unha alegría” á súa afección.
“Nós tamén iremos ao máximo, son tres puntos que queremos obter como sexa”, destacou.
O canteirán do Dépor non se fía do conxunto departamental.
“Véxoo bastante pola televisión e vexo que é un bo equipo para os poucos puntos que leva. É un rival bastante perigoso e seguro que veñen bastante motivados, porque ao ser un derbi é un pouco máis especial. Como dixen antes, non hai ningún favorito”, incidiu.
O extremo dixo estar “moi contento” por estrearse como titular co Deportivo, ao que regresou no pasado mercado invernal tras destacar co Arenteiro en Primeira Federación.