Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dimite a presidenta de Hungría, Katalin Novak, tras conceder un indulto polémico

Dimite a presidenta de Hungría, Katalin Novak, tras conceder un indulto polémico

A xefa de Estado recoñeceu cometer "un erro"

A exministra de Xustiza que asinara o ano pasado o polémico indulto anunciou que se retira da política

Vídeo de dimisión da presidenta de Hungría, Katalin Novak (France Press) Vídeo de dimisión da presidenta de Hungría, Katalin Novak (France Press)
G24.gal 10/02/2024 18:57

Este sábado a presidenta de Hungría, Katalin Novak, moi próxima ao primeiro ministro ultranacionalista Viktor Orbán, anunciou a súa dimisión tras unha semana de controversia por un indulto que concedeu a un directivo dun fogar infantil que tentou ocultar casos de pederastia.

"Pido perdón a aqueles a quen ferín. Hoxe falo por última vez cara a vostedes como presidenta. Dimito do meu cargo", dixo Novak nun vídeo emitido pola televisión pública, tras volver antes de tempo dunha visita a Qatar.

A xefa de Estado, exministra de Asuntos da Familia, recoñeceu cometer "un erro" ao indultar o director adxunto dun fogar infantil, que abusou durante anos de varios menores. Pouco despois do anuncio, a exministra de Xustiza, Judit Varga, que asinara o ano pasado o polémico indulto, anunciou que se retira da política.

"Asumo a responsabilidade política por asinar o indulto. Retírome da vida pública", anunciou a antiga responsable de Xustiza, tamén moi próxima a Orbán.

Varga engadiu que tamén abandonará o Parlamento húngaro e non liderará a lista do gobernante partido Fidesz nas eleccións europeas de xuño, como estaba previsto.

O polémico indulto, concedido en abril de 2023 con motivo da visita do papa Francisco a Budapest, foi descuberto pola prensa a semana pasada.

A partir dese momento, organizacións e partidos políticos opositores pediron a dimisión da presidenta, xa que consideraron ese indulto como "inaceptable".

En resposta, Orbán propuxo esta semana unha emenda constitucional que prohibiría no futuro os indultos a condenados por crimes contra nenos, o que moitos interpretaron como unha crítica indirecta á decisión de Novak e Varga.

O pasado venres pola tarde milleiros de húngaros pediron diante da sede da presidencia no Castelo de Buda, a dimisión de Novak, xa que non a consideraban digna de ocupar o cargo. Este posto ten atributos principalmente representativos, aínda que tamén inclúe firmar indultos de presos a proposta do Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade