Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dimite o ministro italiano de Cultura por deixar suposamente que a amante accedese a información oficial

Dimite o ministro italiano de Cultura por deixar suposamente que a amante accedese a información oficial

 A influencer María Rosaria Boccia participou en xuntanzas preparatorias dun cumio do G7

Gennaro Sangiuliano e Maria Rosaria Boccia Gennaro Sangiuliano e Maria Rosaria Boccia
G24.gal 06/09/2024 19:05

O ministro de Cultura de Italia, Gennaro Sangiuliano, presentou este venres a súa "dimisión irrevogable" tras días de polémica polo caso dunha influencer coa que mantivo unha relación afectiva e que alega que desempeñou tarefas de asesora, nunha controversia que salpicou o Goberno de Giorgia Meloni.

"Despois de reflexionar longamente, tras días dolorosos cargados de odio cara a min, decidín presentar en termos irrevogables a miña dimisión como ministro de Cultura", declarou Sangiuliano nunha carta difundida polo Ministerio de Cultura.

O xefe de Estado italiano, o presidente Sergio Mattarella, aceptou a dimisión de Sangiuliano e recibiu nunha reunión a Meloni, que propuxo como substituto á fronte da carteira de Cultura a Alessandro Giuli. 

Nunha entrevista ante o informativo da cadea pública RAI, o xa exministro de Cultura pediu perdón á súa esposa con voz chorosa tras recoñecer unha "relación afectiva" con Maria Rosaria Boccia. Tamén admitiu que pensou en nomeala asesora, pero que finalmente o descartou.

Á súa vez, alegou que ningunha das tarefas ou actividades nas que Boccia participara foron pagadas con diñeiro público, algo que a influencer negou.

Esta seguiu ofrecendo declaracións e entrevistas á prensa. Tamén difundiu audios, mensaxes e billetes de avión enviados polo ministerio, que a influencer defendeu como supostas probas de ser nomeada asesora para grandes eventos.

Este caso foi considerado como "un serial" por parte da oposición italiana e, entre outros, a principal forza opositora, o Partido Demócrata, lamentou que puxese "en dúbida" a credibilidade do país a nivel internacional. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade