O temporal deixa un morto e máis de 3.000 evacuados no norte de Italia
O temporal deixa un morto e máis de 3.000 evacuados no norte de Italia
As previsións indican que os avisos vermellos e laranxas de norte a sur en toda Italia se van manter ata o martes
Boloña, e toda a rexión de Emilia Romaña, a Toscana, As Marcas ou Sicilia, entre as zonas máis afectadas polo temporal que azouta Italia
Varias rexións de Italia, de norte a sur, acabaron baixo a auga como consecuencia da vaga de mal tempo que tamén paralizou Sicilia, golpeada por unha forte seca nos últimos meses. A situación é crítica na Emilia Romaña, con aviso vermello. Despois das chuvias das últimas horas, en Rávena ordenouse a evacuación total das zonas xa afectadas polas anteriores vagas de mal tempo.
Na localidade de Cesenatico caeron en poucas horas 70 litros de auga que puxeron en crise a rede de sumidoiros e obrigaron a suspender a circulación de trens.
Na illa de Stromboli interveu Protección Civil ante o río de auga e lodo que invadiu as rúas e bloqueou os veciños nas casas.
Un corremento de terra nunha aldea de Savona illou cinco casas. Na rexión das Marcas a insistente chuvia causou anegamentos, sobre todo na zona costeira entre Senigallia e Ancona.
A forte chuvia e as inundacións deixan un morto, máis de 3.000 persoas evacuadas, 15.000 usuarios sen luz e danos materiais, mentres as autoridades italianas intentan facerlle fronte á emerxencia.
A área da cidade de Boloña, no norte do país, foi unha das zonas que sufriu maiores estragos. Nunha localidade próxima, un mozo de 20 anos foi arrastrado pola corrente de auga despois de que se desbordara o río Caurinziano, o seu corpo non se atopou ata este domingo. Polo de agora, é a única vítima mortal.
En pouco máis de 24 horas recolleuse máis do dobre da precipitación prevista para todo o mes de outubro. Varios ríos desbordáronse e as augas ocuparon amplas zonas de cultivo.
As escolas permanecen pechadas este luns coa suspensión de toda a actividade educativa en todos os centros de Boloña.
Os aluvións afectaron con forza outras cidades como Rávena, Módena ou Reggio Emilia, na rexión norteña de Emilia Romaña, en situación de alerta vermella polas inundacións que asolagaron o territorio, o que fixo que as súas autoridades xa anunciasen que pedirán a declaración dun novo estado de emerxencia.
As rexións norteñas do Véneto ou Liguria tamén están afectadas pola forte choiva.
En puntos como a localidade de Licata, en Sicilia, intentan limpar o barro que causou o desbordamento do río Salso, cunha riada que chegou a alcanzar unha altura de oito metros.
Os efectos do temporal deixaron notarse tamén no norte de Francia.
Na cidade portuaria de Saint-Malo as ondas irromperon no centro urbano. Seis departamentos do noroeste francés permanecen en alerta por forte ondaxe e as autoridades aconsellan á poboación non achegarse á costa.