Publicador de contidos
Publicador de contidos

Agudízase a crise no Goberno portugués: Costa non acepta a dimisión do ministro de Infraestruturas

Agudízase a crise no Goberno portugués: Costa non acepta a dimisión do ministro de Infraestruturas

O presidente da República Rebelo de Sousa é contrario a decisión do primeiro ministro de manter no Executivo a Galamba

António Costa durante o cumio hispano-luso António Costa durante o cumio hispano-luso
G24.gal 02/05/2023 22:28

O primeiro ministro portugués António Costa non aceptou a dimisión do titular de Infraestruturas João Galamba pola polémica relacionada con TAP e manterao no seu gabinete, tras unha nova crise de Goberno pola aeroliña de capital estatal.

A solicitude de dimisión de Galamba produciuse despois de que un adxunto o acusara de ocultar información á comisión parlamentaria que investiga a xestión de TAP, que o ministro nega pero que xerou unha enorme polémica no país nos últimos días.

Este caso é un novo golpe contra o Executivo do socialista, que sufriu unha ducia de baixas en pouco máis dun ano de mandato, tres delas debido á polémica que TAP arrastra desde hai meses polo pagamento dunha indemnización ilegal a unha exadministradora que tamén provocou o cesamento da cúpula da aeroliña.

Orixe da crise

Unha comisión parlamentaria investiga a xestión da aeroliña e desvelou que houbo unha reunión "secreta" entre o Partido Socialista (PSP), que goberna con maioría absoluta, e a ex-CEO de TAP Christine Ourmières-Widener para prepararen a comparecencia desta ante o Parlamento.

A reunión foi coordinada por un adxunto de Galamba, que acusou o ministro de mentir á comisión parlamentaria e ocultar que houbo rexistros por escrito daquela reunión.

Ao caso sumouse un xiro rocambolesco: o adxunto foi despedido e despois acudiu ao Ministerio para supostamente roubar un portátil "recorrendo á violencia", feito que foi denunciado polo Executivo ante a Policía Xudicial e acabou implicando tamén os servizos de intelixencia.

Galamba negou as acusacións e este martes recibiu a confianza do primeiro ministro, que tamén pediu desculpas aos portugueses e asumiu que o caso "afecta á imaxe do Goberno". O caso TAP xa provocara a saída do anterior ministro de Infraestruturas Pedro Nuno Santos, un dos pesos pesados do Executivo e delfín de Costa no Partido Socialista.

Posturas encontradas

O presidente da República portuguesa amosou as súas discrepancias coa postura do primeiro ministro, xa que é contrario a que Galamba continúe como ministro de Infraestructuras.

Este desencontro entre ambos os mandatarios podería dar lugar a que o xefe do Estado luso utilizase as prerrogativas que o facultan para disolver o Parlamento e convocar eleccións anticipadas, igual que fixera en 2021, cando os socialistas portugueses acadaron a maioría absoluta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade