Directivos das empresas máis lonxevas de Galicia revelan o segredo do seu éxito
Directivos das empresas máis lonxevas de Galicia revelan o segredo do seu éxito
"Líderes que deixan pegada" é o lema deste encontro, que vai xa pola terceira edición e que reúne en Santiago compañías con máis de 40 anos de traxectoria
Desde que nos anos 60 un viaxante decidiu que a roupa interior feminima era unha aposta de estabilidade para entrar na produción téxtil, Selmak é un deses exemplos de empresas galegas lonxevas que hoxe revelan o segredo do éxito.
"Aforro e traballo duro é o segredo da lonxevidade en calquera empresa e calquera proxecto", resume Rafael Pérez, o director xeral de Selmark.
"No noso caso acabamos de cumprir 50 e eu son a 3ª xeración e, vaia creo que (a lonxevidade empesarial) se consegue traballando día a día e formando bos equipos", engade Sara Rodríguez, a presidenta de Hermasa.
"A vara máxica non a temos, desde logo cada empresa terá a sua fórmula. No noso caso foi adaptarnos moi rápido ás necesidades do mercado", remacha Raquel Lago, directora executiva e propietaria de Cabinas Lagos.
Os tres empresarios foron relatores da mesa redonda que, organizada pola APD, Asociación para o Progreso da Dirección, xuntou esta mañá en Santiago empresarios con cen anos ou case de traxectoria. Falaron tamén da estratexia para seguir sumando xeracións.
"As enerxías renovables para nós son unha oportunidade, ademais do sector aeronáutico, etc", di Raquel Lago.
"Estamos tamén co tema de analítica de datos, intelixencia artificial. A innovación forma parte da nosa cultura empresarial", declara Sara Rodríguez.
"Condicións de traballo estables e sinxelas, un produto o mellor posible a un prezo razoable e que ademais teña en conta todas as situacións dos residuos que vas xerar... realmente non é simple. É sempre estar buscando cal é a mellor resposta para todos eses elementos", conclúe Rafael Pérez.