Disparidade de criterio no sector do transporte galego sobre o paro
Disparidade de criterio no sector do transporte galego sobre o paro
A Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte acordou continuar co paro indefinido
A Federación Galega de Transporte de mercadorías, o 52 % do sector, non apoia as protestas
Ao redor de 150 socios de Ascentra, a asociación que representa os transportistas autónomos da Coruña, decidiron este sábado continuar co paro indefinido no sector ao entender que o acordo entre o Goberno e o Comité Nacional de Transportes é un parche que non inclúe demandas profesionais que consideran fundamentais.
"Vémolo con bos ollos pero faltan moitos matices de reivindicacións que ten a propia plataforma como son as enfermidades profesionais ou a xubilación aos 60 anos e un lei que permita cobrar desde a primeira hora de espera. Vemos que son matices que ao mellor hai que ir traballando ao longo do tempo. Estas medidas son un parche económico para tres meses que nos vai permitir facer suar a camisola para intentar subir os prezos", asegura Antonio Señarís, presidente de Ascentra.
Mentres, desde Fegatramer, a federación con máis representación de transportistas en Galicia e que participou no acordo co Goberno, defenden o traballo feito en máis de dous anos de negociacións nos que se acadaron medidas importantes ás que suman as axudas directas e a bonificación do gasóleo desta semana.
Non apoiaron o paro nin que se continúe con el e insisten en que o problema de prezos é coas empresas cargadoras que deben pagarlles aos transportistas prezos xustos polo seu traballo.
"Por que non o entendemos? Porque non sabemos cal é o obxectivo do paro, é dicir que é o que se pretende. Esa pretensión que algún pode ter de que nun mercado libre que se move no ámbito europeo porque o transporte está liberalizado, crer que alguén pode poñer o prezo do traballo é impensable. O que si se podemos poñer e de feito vimos traballando por iso son mecanismos que axuden a protexer ao máis débil cando se trata de ofertar. De feito as medidas que se adoptaron durante estes meses basicamente están destinadas a iso, a garantir que as pequenas empresas teñan mecanismos de defensa fronte a posición de algúns grandes cargadores e operadores", explica Carlos García Cumplido, secretario xeral de Fegatramer.
Baixo vixilancia policial, este sábado mantíñase o piquete informativo de dúas cooperativas de transporte nos accesos ao porto da Coruña.