Doce detidos por unha ciberestafa a 760 vítimas e cun botín de 1,9 millóns de euros
Doce detidos por unha ciberestafa a 760 vítimas e cun botín de 1,9 millóns de euros
A Policía púxose tras a pista desta suposta organización criminal a partir de numerosas denuncias de vítimas de estafas en Sabadell en xaneiro de 2023
Os membros da rede enviaban ata 1.000 mensaxes sms por minuto a potenciais vítimas
A Policía Nacional detivo este luns en Sabadell (Barcelona) a doce persoas acusadas de ciberestafar a 760 vítimas. A técnicsa empregada foi o envío masivo de mensaxes sms facéndose pasar polo seu banco e o método do "fillo en apuros". Defraudáronlles un total 1,9 millóns de euros.
Segundo informou a Policía, os membros da rede enviaban ata 1.000 mensaxes sms por minuto a potenciais vítimas. Contaban coa colaboración de 660 persoas que actuaban como "mulas". A cambio dunha pequena contraprestación económica, acudían aos caixeiros automáticos a retirar en efectivo o diñeiro que estafaran.
A Policía púxose tras a pista desta suposta organización criminal a partir de numerosas denuncias de vítimas de estafas en Sabadell en xaneiro de 2023. Os criminais alertaban as vítimas de que a súa conta bancaria estaba bloqueada e que tiñan que acceder a ela para volvela a activar.
Con todo, cando a vítima accedía á ligazón que lle enviaban os detidos, abríase unha pantalla que simulaba ser a do seu banco e, ao poñer a súa clave e contrasinal, daban acceso a ela aos ciberestafadores.
A partir dese momento, os membros da organización chamaban por teléfono ás vítimas, facéndose pasar por un xestor do banco, para pedirlle os códigos de dobre verificación. Desta forma podían realizar transferencias, bizums ou reintegros en caixeiros. Unha vez obtido o diñeiro, era reenviado a varias contas para evitar o seu seguimento e finalmente transformábano en efectivo ou en criptomonedas.
A rede dispoñía dun grupo de persoas, denominados 'droppers', que se encargaban de captar ás 'mulas', a cambio de entre 50 ou 100 euros. Nalgúns casos tamén cunha comisión de entre o 5 e o 10 % do beneficio defraudado.
Segundo a Policía, a rede tamén estafou a algunhas das súas vítimas co método do 'fillo en apuros', no que realizaban chamadas telefónicas facéndose pasar polos seus fillos e pedíndolles diñeiro.
No marco da investigación, a Policía analizou máis de 700 liñas telefónicas, 2.455 teléfonos móbiles, 3.000 contas bancarias e 86 de correo electrónico coas que supostamente operaban os máximos responsables da organización.