Detido no aeroporto de Málaga un fuxitivo buscado por atentado terrorista
Detido no aeroporto de Málaga un fuxitivo buscado por atentado terrorista
O detido parece estar implicado na morte de dous seareiros nun partido en Belxica en 2023
Supostamente facilitoulle a arma ao terrorista que tiroteou as vítimas
As autoridades belgas reclámano por atentado terrorista, homicidio e lesións graves
A Policía Nacional detivo no aeroporto de Málaga un fuxitivo buscado por Bélxica por mor da súa implicación nun atentado terrorista acontecido hai máis dun ano e que se saldou con dúas vítimas mortais.
O detido supostamente facilitou a arma ao autor das mortes, que foi abatido pola policía despois de asasinar dous seareiros suecos nos momentos previos a un partido de fútbol celebrado en Bélxica en 2023.
O fuxitivo está reclamado polas autoridades belgas por delitos de atentado terrorista, homicidio e lesións graves. Enfróntase a unha condena de cadea perpetua.
"Os feitos aconteceron en outubro de 2023 cando ía disputarse un partido de fútbol entre as seleccións de Suecia e Bélxica. Momentos antes do partido, dous seareiros suecos foron asasinados a tiros cunha arma de fogo no medio dunha praza de Bruxelas e, ademais, varias persoas resultaron feridas", relata Cristina Morales, voceira da Policía Nacional.