Publicador de contidos
Publicador de contidos

Doce mortos tras unha noite de protestas en Irán pola morte de Masha Amini

Doce mortos tras unha noite de protestas en Irán pola morte de Masha Amini

Cúmprense tres meses das protestas tras a morte de Amini tres días despois de ser detida por levar mal posto o veo islámico

"Muller, vida e liberdade" é o lema das manifestacións

G24.gal 17/11/2022 08:08

Irán viviu unha violenta noite con mobilizacións ao longo do país. Dous ataques a tiros causaron polo menos doce mortos, cando as protestas pola morte de Masha Amini entran no seu terceiro mes.

As protestas que comezaron tras a morte o 16 de setembro de Amini, despois de ser detida tres días antes pola Policía da moral por levar mal posto o veo islámico, intensificáronse nos últimos días pola conmemoración das mobilizacións de 2019, en que morreron 300 persoas, segundo Amnistía Internacional.

“Muller, vida, liberdade”, o lema das protestas, escoitouse onte á noite en numerosas cidades do país, como Teherán, Gorgan, Sanandaj ou Isfahan, onde os manifestantes bailaron ao redor de fogueiras.

O caos das protestas foi “aproveitado por grupos terroristas” para cometer un ataque a tiros na cidade de Ize, no sur de Irán, segundo a axencia oficial IRNA. Alí, homes armados que viaxaban en motocicletas abriron fogo contra viandantes e policías no mercado central da cidade e mataron polo menos sete persoas e feriron quince.

Tres sospeitosos foron detidos pola súa suposta implicación no ataque, informou Ali Dehqani, director do Departamento de Xustiza de Khuzestán, onde está situada Ize, segundo a axencia Tasnim. 

Noutro ataque, homes armados que se desprazaban en motocicletas dispararon contra forzas de seguridade na cidade de Isfahan, no centro do país, e mataron dous basij (milicianos islámicos) e feriron oito persoas máis. Ademais, tres persoas morreron na cidade de Semirom, na provincia de Isfahan, en circunstancias non explicadas polas autoridades. 

As protestas intensificáronse desde o martes, tras un chamamento de activistas a conmemorar as mobilizacións de 2019 en que morreron 300 persoas, segundo Amnistía Internacional. En numerosas cidades do país están a producirse folgas, pero é difícil coñecer o seu alcance dadas as limitacións de Internet e a falta de información oficial.

As forzas de seguridade están a reprimir duramente as protestas, mentres que as autoridades censuran Internet e as comunicacións para tratar de paralas. Polo menos 326 persoas, entre elas 43 menores de idade, morreron na represión policial, segundo a ONG Iran Human Rights, con sede en Oslo.

Ademais, ata o de agora cinco persoas foron condenadas á morte pola súa participación nas mobilizacións, mentres que unhas 2.000 foron acusadas de diversos delitos por manifestarse, entre elas, a coruñesa Ana Baneira, detida desde polo menos o pasado día 9.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade