Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous hospitais galegos participan nas probas finais da vacina española de Hipra

Dous hospitais galegos participan nas probas finais da vacina española de Hipra

Esperan que se poida aprobar antes do verán

Buscan voluntarios con dúas doses de Astrazéneca postas

G24.gal 13/03/2022 10:36

Avanzan as investigacións e as probas para que a primeira vacina española contra a covid-19 estea xa a disposición da poboación. O coordinador de Medicina Xeral do HM Modelo da Coruña, un dos dous hospitais galegos que participan nos ensaios deste soro, Nacho Ramil, insistía no espazo BD da TVG no perfil das persoas que buscan para recibila nestes momentos.

"Buscamos xente vacinada coa dobre dose de Astrazéneca sen que teña posta a terceira das inxeccións para que esta proba permita avanzar nos resultados", pedía Nacho Ramil.

Os investigadores agardan que as análises xa permitan que en pouco tempo se poida inocular a vacina de HIPRA ás persoas que precisen inmunización.

"Esperamos que a vacina se poida aprobar antes do verán. O ensaio actual dura 6 meses. En fases anteriores xa se administrou a vacina de Hipra a 2.500 persoas. Agora buscamos a comparativa do efecto da 3ª dose coa vacina de Hipra en persoas que recibiron antes Astrazéneca coas que recibiron as terceiras inoculacións coas de ARN mensaxeiro de Pfizer ou Astrazéneca", explica Nacho Ramil.

Sobre a gripalización da covid-19, o especialista asegura que se pechan os espazos de vacinación porque a xente xa está na súa maioría coas doses postas. Pero os avances, asegura Nacho Ramil, son necesarios cun control sobre as persoas máis vulnerables ás que o virus, está comprobado como no caso da gripe ou outros, ataca con máis virulencia.

Asegura que é partidario de avanzar nun novo modelo de xestión da enfermidade, coa vista posta sobre todo nos datos hospitalarios e que hai que ser conscientes de que poden darse pasos atrás.

"Vai custar convivir sen a máscara posta no interior, aínda que se decida eliminala. É precisa a autoxestión das situacións que aparezan. A moita xente custaralle compartir espazos pechados con persoas sen a máscara colocada, pero precisamos avanzar para normalizar a vida", di Nacho Ramil.

 

 


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos