Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous mortos e máis de dous millóns de usuarios sen electricidade en Florida ao paso de Milton

Dous mortos e máis de dous millóns de usuarios sen electricidade en Florida ao paso de Milton

Unha das cidades máis golpeadas é San Petersburgo, no condado de Pinellas, onde a forza do vento esnaquizou parte do teito do estadio Tropicana Field

AFP
G24.gal 10/10/2024 07:57 Última actualización 10/10/2024 14:57

O furacán Milton golpea xa o centro de Florida con choiva torrencial e fortes refachos de vento, tras tocar terra na costa oeste dun estado onde hai máis dun millón de persoas desprazadas dos seus fogares, máis de 2,6 millóns de domicilios sen electricidade e por agora dúas mortes confirmadas.

Segundo o último boletín do Centro Nacional de Furacáns (NHC) dos EUA, Milton atópase a uns 120 quilómetros (75 millas) ao suroeste de Orlando, a cidade dos parques temáticos, e os seus ventos debilitáronse a 165 km/h (100 millas por hora), aínda que seguen sendo potencialmente daniños.

O furacán tocou terra en Sesta Key, na costa oeste de Florida, ao sur da cidade de Tampa, ás 8:30 da tarde hora local (00:30 GMT), con ventos de ata 205 quilómetros por hora (120 millas), é dicir con categoría 3 na escala Saffir-Simpson (de 5).

NHC advertiu de que a emerxencia continúa pola gran cantidade de choiva que deixou ao seu paso o furacán.

As autoridades xa confirmaron polo menos dous mortos por un tornado relacionado co ciclón no condado St. Lucie, na costa oeste de Florida. O Departamento do Alguacil do condado de St. Lucie informou de "múltiples mortos" polo tornado ocorrido pola tarde nunha comunidade de xubilados antes de que o furacán chegase á península.

O ciclón deixou polo menos 2,6 millóns de clientes deste Estado sen enerxía, conforme á contabilidade da web especializada PowerOutage, cos condados de Pinellas, Manatee e Hillsborough como os máis afectados.

Por agora descoñécese a magnitude dos danos causados polo furacán, pero as imaxes da súa chegada mostran crecidas do mar, inundacións, casas con desfeitas, árbores e postes caídos, e barcos á valga.

En toda a área no cono de traxectoria de Milton en Florida rexístranse choivas que xa superaron nalgúns casos os récords de precipitacións diarias dese lugar e equivalen á media de varios meses ou mesmo ao dun ano, como é o caso da cidade costeira de St. Petersburg, unha das máis afectadas polo paso de Milton, segundo informa CNN.

Nesa cidade, no condado de Pinellas, onde a forza de Milton esnaquizou parte do teito do estadio Tropicana Field, sede do equipo das Grandes Ligas de Béisbol Tampa Bay Rays, onde se atopaba persoal de emerxencias preparado para a atención de vítimas do furacán.

Segundo fontes dos bombeiros da localidade citadas pola canle NBC6 de Miami, no momento en que o teito voou había xente dentro do estadio, pero resultaron ilesos porque se refuxiaron nos corredores internos.

Varios vídeos publicados nas redes sociais mostraban como o vento arrincara o tellado e deixara só a estrutura que o sostiña. Os bombeiros informaron de que as persoas que se atopaban dentro do estadio se encontran ben.

A isto súmase que unha importante tubaxe principal de auga rompeu, o cal afectou á subministración de auga potable nesta cidade, que fai parte da Baía de Tampa.

San Petersburgo recibiu 13 centímetros de choiva entre as 8 e 9 da noite hora local, cando o furacán Milton tocou terra, e 23,8 centímetros nas seguintes tres horas, esa cantidade de choiva en tan pouco tempo cualifícase como un evento que ocorre unha vez cada 1.000 anos.

Preocupan especialmente as chamadas maresías ciclónicas que pode provocar o furacán, porque o nivel da auga pode subir máis de catro metros. 

Unha vintena de tornados, no centro e sur de Florida, xa arrasaron con polo menos 120 vivendas

Evacuacións históricas

Horas antes de tocar terra, as evacuacións en Florida foron históricas. Máis de cinco millóns de persoas marcharon das súas casas. Hai máis de dez mil persoas refuxiadas en polideportivos. 

Inda que non todos marcharon. Algúns quedaron para ver como chegaba Milton, poñendo mesmo en risco a vida.

O alguacil do condado Hillsborough, Chad Chronister, publicou un vídeo nas redes en que "implora" os habitantes desa zona do oeste de Florida, como xefe policial e como pai, que queden baixo refuxio e non saian ao exterior.

A mesma mensaxe lanzou a División de Xestión de Emerxencias de Florida: Quede a cuberto e permaneza vixiante ata ben entrado o xoves. Espéranse inundacións por todas partes, tornados illados e ventos destrutivos!!".

 

A división alertou especialmente os habitantes da baía Tampa, na costa oeste, onde o mar se retirou pola marea viva causada polo paso do furacán, a non pisar as zonas normalmente cubertas polo mar. "A auga volverá coa marusía e hai risco de morrer", indicou.

En Tampa o mar creceu máis de 3 metros (dez pés) por enriba do seu nivel normal. Máis de 1.400 membros dun equipo de procura e rescate urbano e máis de 100 lanchas rápidas despregáronse en todo o estado antes da chegada do furacán Milton para iniciar as operacións de procura e rescate.

O director financeiro estatal Jimmy Patronis dixo ao Servizo de Noticias de Florida que os equipos de máis dunha ducia de estados, incluídos California e Washington, así como a Garda Costeira dos EUA, estaban "a esperar" para comezar as operacións de procura e rescate canto antes.

Resposta federal

O presidente estadounidense Joe Biden recibiu información sobre a situación en Florida despois de que Milton tocase terra. A Casa Branca dixo que o mandatario recibiu detalles sobre o impacto inicial da tormenta por parte da administradora da Axencia Federal para a Xestión de Emerxencias Deanne Criswell e da asesora do Departamento de Seguridade Nacional Liz Sherwood-Randall.

Biden asegurou este mércores que a súa administración ofrecería apoio "durante o tempo que sexa necesario para rescatar, recuperar e reconstruír" as áreas afectadas por Milton, o segundo furacán que alcanza Florida en case dúas semanas, tras recibir o pasado 26 de setembro o impacto do poderoso furacán Helene.

Des que comezou a temporada de furacáns, Milton é o noveno que impacta nos Estados Unidos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade