Dous falecidos e oito feridos ao estourar un atuneiro vigués nas Seychelles
Dous falecidos e oito feridos ao estourar un atuneiro vigués nas Seychelles
As dúas vítimas mortais son galegas, naturais das parroquias de Palmeira, en Ribeira, e de Xuño, Porto do Son
Sete dos mariñeiros feridos recibiron a alta; o outro segue ingresado por insuficiencia respiratoria por inhalación de amoníaco
Pesar na Barbanza pola morte dos dous veciños na explosión no Albacora Cuatro
O atuneiro conxelador Albacora Catro sufriu unha fuga de amoníaco mentres estaba sendo reparado en porto. No momento do accidente parece que estaba toda a tripulación no barco, total 31 homes, pero eran o xefe de máquinas e o segundo oficial os que estaban reparando o sistema de refrixeración, mudando unha xunta, cando se produciu o escape de amoníaco. Parece que foi a inhalación deste compoñente químico o que lles causou a morte.
Na explosión morreron dúas persoas, o xefe de máquinas e o segundo oficial. O xefe de máquinas é Ángel Boo, ten 35 anos, natural de Palmeira, en Ribeira, vivía en Escarabote e ten dúas nenas. O segundo oficial é Francisco Cameán Santos ten 28 anos, natural da parroquia de Xuño, no concello do Porto do Son, e vivía na parroquia de San Pedro de Muro.
Hai que agardar as conclusións da investigación, despois de escoitar os sobreviventes para coñecer como se produciu exactamente o accidente.
Os seus amigos e veciños aínda non acaban de crer o sucedido.
Sete mariñeiros xa están de alta e o oitavo segue hospitalizado por unha insuficiencia respiratoria
Ademais, outros oito tripulantes quedaron feridos. Foron atendidos polo centro do Instituto Social da Mariña na zona e posteriormente foron trasladados ao hospital. Sete deles estaban feridos leves e xa recibiron a alta e levados a un hotel, o outro mariñeiro ferido sigue ingresado, por unha insuficiencia respiratoria, provocada pola inhalación de amoníaco.
Os dous falecidos estaban na cuberta inferior do barco, segundo manifestaron algúns mariñeiros cando saíron do atuneiro.
O atuneiro conxelador Albacora Catro ten de 88 metros de eslora é propiedade da viguesa Compañía Europea de Túnidos, con sede en Mos, e foi construído en 1974 e reformado no ano 1988. É un pesqueiro que opera habitualmente no océano Índico. Estaba sendo reparado nas Seychelles, en Porto Vitoria. Sufrira unha avaría en maio, cando volveu ao mar despois de descargar as capturas no porto.
Trala avaría, o atuneiro, coa súa tripulación, tivo que ser remolcado ata Porto Victoria para reparar a máquina, segundo explicou un extripulante, do atuneiro esta mañá na Radio Galega.
Omáximo responsable da armadora, a Compañía Europea de Túnidos, con sede en Mos, viaxou ás illas Seychelles para atender á tripulación e xestionar a repatriación dos falecidos canto antes.
No ano 2000 o barco fíxose coñecido ao sufrir un secuestro por piratas en Somalia.
O presidente da Xunta trasladaba o pesar do Goberno galego por este novo sinistro no mundo do mar
Na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alfonso Rueda dixo que a Xunta se poñía a disposición das familias, como xa dixera onte, e da armadora para darlles o apoio que precisen. O presidente lamentaba hoxe esta nova traxedia que golpea a pesca galega tras o naufraxio do Villa de Pitanxo. Rueda di que aínda é pronto para saber as causas do sinistro e trasládalles as súas condolencias aos familiares e compañeiros dos mariñeiros falecidos.
Condolencias desde as institucións
O presidente da Xunta Alfonso Rueda lamentaba xa onte nas súas redes sociais o ocorrido e mandou o seu pésame á familia e compañeiros dos falecidos e púxose ao servizo da armadora para "o apoio que precisen".
Sinto enormente as noticias que nos están chegando sobre a explosión do atuneiro vigués nas Seychelles, na que faleceron dúas persoas. O noso pésame para as súas familias e compañeiros.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) June 15, 2022
Poñémonos a disposición da armadora para o apoio que precisen
Tamén o presidente do Goberno lles quixo trasladar todo o seu apoio e cariño ás familias e os seus mellores desexos para as persoas feridas.
Atento a las informaciones que nos llegan sobre la explosión de un atunero vigués en Seychelles, donde desgraciadamente han fallecido dos tripulantes españoles. Todo nuestro apoyo y cariño a sus familias y nuestros mejores deseos para las ocho personas que han resultado heridas.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) June 15, 2022
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, escribiu que a familia do mar volve estar de loito, tras o naufraxio do Villa de Pitanxo en febreiro. Feijóo trasládalle o pésame ás familias e expresa a solidariedade coa tripulación do atuneiro.