Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous novos focos da enfermidade hemorráxica epizoótica detectados nos últimos días nas comarcas da Limia e Maceda

Dous novos focos da enfermidade hemorráxica epizoótica detectados nos últimos días nas comarcas da Limia e Maceda

O número de gando afectado por esta doenza elévase a 154, todos na provincia de Ourense

Esta semana comezou a comercializarse a vacina contra esta enfermidade do gando vacún

G24.gal 11/08/2024 14:37

Coa chegada do verán o mosquito que transmite a enfermidade hemorráxica epizoótica circula por todo o territorio e o número de casos detectados aumenta. Con todo a porcentaxe non é moi alta en Galicia, cunha cabana gandeira de arredor dun millón de animais.

"Nestes intres temos confirmados 154 animais infectados en 90 explotacións. Temos outros enviados ao laboratorio pendentes de confirmación e é probable que a maioría se confirme, co que estariamos falando de case 200 explotacións afectadas", asegura Xosé Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Desde o día 7 deste mes comezou a comercializarse a primeira vacina contra esta enfermidade, que as granxas poden aplicar baixo prescrición veterinaria.  

"Fainos ser optimistas porque os animais acabaranse inmunizando e coa vacina cando estean amplamente cubertas as explotacións e os animais, terá mínima incidencia", explica Balseiros.

Desde a Consellería de Medio Rural apreman o Ministerio de Agricultura para que resolva con axilidade a liña de axudas complementaria ás que xa ten a Xunta para que os gandeiros afectados poidan cobralas este ano, ou que as saque con carácter retroactivo.

"O Ministerio anunciou que vai poñer 15 millóns de euros, pasounos o borrador do decreto que ten que publicarse. As comunidades autónomas teriamos que poñer outro tanto. Faltan dúas cousas fundamentais que nós lle pedimos ao Ministerio: que saia canto antes ese decreto e que se asignen os fondos que lle corresponden a cada comunidade autónoma mediante conferencia sectorial", reclama Balseiros.

En total neste momento hai detectados focos en sete comarcas veterinarias da provincia de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade