Publicador de contidos

Publicador de contidos

Drons de Axega e da Garda Civil incorporánse á busca do pescador desaparecido no Grove

Drons de Axega e da Garda Civil incorporánse á busca do pescador desaparecido no Grove

No cuarto día de busca, aumentan os efectivos e medios para localizalo

As malas condicións do mar e o vento dificultan o operativo

G24.gal 17/11/2021 14:25

Cuarto día de busca intensa de Manuel Cores, veciño de Ribadumia, que desapareceu este domingo mentres pescaba nesta zona do Carreiro, no Grove.

O amplo operativo despregado na zona polo de agora non deu ningún resultado. A familia pedía este mesmo luns que non deixasen de buscalo, e así o están a facer, pois aumentan os efectivos e tamén os medios para tentar localizalo. Amais, tamén ampliaron a zona de busca tanto en terra como no mar.

Na mañá deste mércores os drons da Axencia Galega de Emerxencias, así como o dron Pegaso da Garda Civil e os da Policía Local de Sanxenxo, peitearon a zona comprendida entre O Carreiro e Con Negro. Sumáronse así, dende onte, á busca do pescador que as condicións do mar e do vento están a dificultar moito.

Con todo, a Garda Civil e Salvamento Marítimo seguen a esforzarse ao máximo. Un esforzo que, amais da achega dos drons para ampliar a busca por aire dende a xornada de onte, barallan a posibilidade de incorporar tamén os drons submarinos do Servizo de Gardacostas.

Á media mañá os mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas tamén retomaron as tarefas de busca realizando novas inmersións na zona. Pola súa banda, a Garda Civil, Emerxencias do Grove e Policía Local facían o mesmo, pero por terra. Amais por aire estase a rastrexar palmo a palmo grazas á axuda do helicóptero Pesca 1.

Manuel Cores, de 68 anos, xubilado e veciño de Ribadumia, leva desaparecido dende o pasado domingo, mentres estaba a pescar nesta zona do Carreiro como acostumaba a facer. Foi a familia a que deu a voz de alarma ao ver que non regresara á casa para xantar.

As autoridades achegaranse ata o lugar onde atoparon o seu vehículo e a súa cana de pescar. Comezou aquí a activarse o amplo operativo de busca que catro días despois segue sen dar resultados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade