Dúas de cada tres persoas con problemas de saúde mental teñen que agardar cita máis dun mes
Dúas de cada tres persoas con problemas de saúde mental teñen que agardar cita máis dun mes
Segundo o Barómetro Sanitario, a maioría (57,2 %) optou por ir á sanidade pública como primeira opción
Más da metade das persoas con problemas de saúde mental acoden en primeiro lugar ao sistema público en busca de axuda, pero dous terzos non conseguen cita antes de 30 días: o 40 % teñen que esperar entre 1 e tres meses e o 26 % mesmo máis. Son datos do segundo Barómetro Sanitario publicado este xoves polo CIS.
É a primeira vez que o barómetro elaborado polo Ministerio de Sanidade recolle un apartado dedicado á saúde mental, sobre a que tivo necesidade de consultar o 17,8 % dos participantes desta primeira onda, realizada no mes de abril con 2.576 entrevistas.
A maioría (57,2 %) optou por ir á pública como primeira opción en procura de axuda por problemas de saúde mental ou por un malestar psicolóxico ou emocional; deles, o 46,3 % acabou sendo atendido no Sistema Nacional de Saúde (SNS), un 44,7 % acabou na privada e un 2,6 % en ambas.
Dos que acabaron no sistema público, catro de cada dez foi visto por un especialista en psiquiatría, un 33,1 % polo seu médico de familia e un 20,8% por un psicólogo. Pero só un de cada catro, o 26 %, conseguiu cita antes de 30 días; o 40 % logrouno nun prazo de entre 1 e 3 meses e o outro 26 % restante tivo que esperar mesmo máis.
A maioría (78,9 %) das persoas atendidas na sanidade pública afirma estar satisfeita coa atención recibida na consulta, que para case a metade, o 49 %, foi mellor da que esperaban.
Boa aceptación das vacinas
Outra das novidades incluídas nesta nova enquisa é un apartado dedicado ao grao de aceptación dos españois sobre as vacinas; neste sentido, os resultados reflicten que unha inmensa maioría do 91,3 % cren que é unha boa maneira de protexerse das enfermidades.
Unha porcentaxe similar (89,9 %) segue as recomendacións de vacinación dos profesionais sanitarios, aínda que máis dun terzo (36,7 %) considera que provocan efectos adversos na saúde.