O PP porá en marcha en xullo unha comisión de investigación sobre o CIS no Senado
O PP porá en marcha en xullo unha comisión de investigación sobre o CIS no Senado
Os populares entenden que a institución que preside José Félix Tezanos "manipula" as sondaxes electorais para beneficiar o PSOE
O PP porá en marcha no mes de xullo unha comisión de investigación no Senado sobre a xestión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), ao entender que a institución que preside José Félix Tezanos "manipula" as sondaxes electorais para beneficiar o PSOE.
A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, anunciou este venres en rolda de prensa a activación en xullo desta comisión de investigación, cuxa solicitude o PP presentara xa na cámara alta, coa meta de que os traballos deste novo órgano se inicien no próximo período de sesións.
O Partido Popular acusa a Tezanos de empregar recursos públicos para beneficiar a Pedro Sánchez. "Podemos falar de malversación, podemos falar de moitas cuestións, por iso queremos que se investigue porque se esta dando un uso indebido ao diñeiro público", afirmou Gamarra.
Cos froitos da investigación, o PP decidirá posibles reformas legais e tamén que accións activa no marco penal ou noutro ámbito contra Tezanos, aínda que esta formación anunciara previamente a súa intención de denunciar ao presidente do CIS por un posible delito de malversación.
O PP analizou os barómetros do CIS en nove citas electorais -desde as eleccións da Comunidade de Madrid en 2021 ata as eleccións europeas do pasado 9 de xuño- e concluíu que en todas elas houbo desviacións "sempre en beneficio do PSOE, o partido do Goberno e o partido no que milita Tezanos e en prexuízo do PP ou doutras forzas políticas".
O PP pretende analizar as contratacións do CIS, pois considera que se modificou a organización ata conseguir que o equipo que traballa para Tezanos e para Sánchez "estea vinculado por lealdade e non por competencia técnica" e levará á Cámara Alta a "expertos independentes".