Dúas mil persoas, escollidas ao azar, van participar no primeiro cribado xenómico de Galicia
Dúas mil persoas, escollidas ao azar, van participar no primeiro cribado xenómico de Galicia
O proxecto Xenoma permitirá detectar precozmente no ADN dos pacientes a predisposición a contraer algunhas enfermidades graves
Mil persoas para tomarlles mostras de sangue van ser convocadas nos próximos días nos seus hospitais de referencia e as outras mil, ás que se lles pedirán mostras de saliva, poderán depositalas no seu centro de saúde.
Trátase do primeiro cribado baseado na análise do ADN. Forma parte do proxecto Xenoma Galicia, que pretende en cinco anos crear un gran biobanco poboacional na nosa comunidade para poder desenvolver estratexias de medicina preditiva.
Son probas que ata agora se facían aos familiares moi directos de persoas con doenzas graves e hereditarias e que agora se estenden de xeito aleatorio a toda a poboación.
Os investigadores da Fundación Galega de Medicina Xenómica serán os encargados da análise destas primeiras 2.000 mostras. No seu ADN buscarán se teñen as mutacións que os predispoñen a tres doenzas graves.
"Analizamos o risco xenético que teñen os participantes de desenvolver cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch -que ten un risco alto de cancro colorrectal e de endometrio-, e hipecolesterolemia familiar. En cada unha destas doenzas imos estudar tres xenes que son os responsables destas enfermidades. Os participantes que teñan algunha variante nun destes xenes non quere dicir que vaian ter a ciencia certa esa enfermidade, pero teñen un risco elevado de desenvolvela", detallou María Brión, a coordinadora do Proxecto Xenoma
Por iso, serán derivados directamente á área asistencial, onde se lles prescribirán as probas, hábitos ou tratamentos indicados para atallar estas doenzas. Nalgúns casos poderán impedilas e noutros, grazas ao tratamento moi precoz, conseguirán limitar os seus síntomas e danos. Medicina non só preventiva, senón preditiva, que permite tratamentos personalizados.
"A idea é recoller o ADN e información xenética da poboación galega para pode implementar a futuro unha medicina preditiva e personalizada", explicou María Brión, a coordinadora do Proxecto Xenoma.
Un proxecto que pretende estenderse a outras doenzas e acadar centos de miles de mostras nos próximos cinco anos e que comeza este mes coa recollida destas primeiras dúas mil.