Dúas parroquias de Forcarei compiten no concurso para traer de balde a París de Noia consumindo lácteos
Dúas parroquias de Forcarei compiten no concurso para traer de balde a París de Noia consumindo lácteos
Dúas parroquias de Forcarei compiten no concurso para traer de balde a París de Noia consumindo lácteos
Gañou Soutelo de Montes a Forcarei, despois de involucrar veciños e comercios para que mercasen iogures, leite e outros derivados
A París de Noia, cuxo caché pode chegar aos 30.000 euros en pleno verán, actuará de balde en Soutelo o 5 de xullo
Nunca tanto leite, iogur e outros derivados dunha coñecida marca galega de lácteos se vendeu estas semanas en Forcarei. "Houbo xente que levou 40, 50 ou ata 100 iogures. Tamén colaboraron os comercios e as cafeterías, que mercaron máis leite do habitual", sinala Estefanía Vilar, membro da comisión de festas de Soutelo de Montes. "Iogures, leite e o todo o que fose lácteo", apunta unha veciña de Forcarei.
O motivo era gañar un concurso para traer de balde á vila a orquestra Paris de Noia, cun caché de case 30.000 euros en pleno verán. "Se non fora polo concurso nós non poderíamos traer nunca a París de Noia", asegura Rocío Sieiro, tesoureira da comisión de Soutelo.
Dúas parroquias do municipio situáronse axiña en cabeza no concurso. E o feito de acadaren postos altos levou os membros da comisión a involucraren cada vez máis veciños, amigos e coñecidos. "Todos pedían iogures, iogures e máis iogures, non sabiamos de onde sacalos", comenta Estefanía, salientando a implicación de toda a veciñanza.
Forcarei parroquia e Soutelo de Montes competiron moi igualados ata o final, pero a vitoria foi para Soutelo. Os segundos encaixaron ben a derrota. "Témola aí pretiño, así que non hai problema, temos que felicitalos", sinala a veciña de Forcarei.
En Soutelo xa apuntan unha cita gastronómica conmemorativa. "Estamos pensando en facer a Festa do Iogur, porque non sabemos que facer con tantos como temos nas neveiras", propón Rocío, a tesoureira de Soutelo.
A verbena será finalmente o 5 de xullo. E a comisión busca xa un lugar onde facela, porque o tradicional campo de festas queda pequeno para acoller os camións da orquestra. Seguro que o baile ao ritmo da París de Noia axuda a dixerir tanto lácteo.