Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dúas persoas feridas nunha saída de vía na Pobra do Caramiñal

Dúas persoas feridas nunha saída de vía na Pobra do Caramiñal

A estrada esvaradía puido influír en que o coche saíse fóra da vía e acabase batendo cunha vivenda

G24.gal 04/12/2021 13:10

Dúas mozas resultaron feridas, unha delas de gravidade, nun accidente de circulación acontecido sobre as cinco desta madrugada á entrada da Pobra do Caramiñal. O coche, no que viaxaban de pasaxeiras, sufriu unha saída de vía cando circulaba pola estrada que xunta A Pobra con Boiro, nunha zona de curvas pronunciadas á altura da ponte do río Pedras.

O turismo acabou batendo contra o peche dunha vivenda e, a consecuencia do forte golpe, as dúas mulleres sufriron feridas mentres que o condutor saíu ileso. As vítimas quedaron atrapadas no interior do vehículo e foi preciso a súa excarceración por cadansúa dotación de Bombeiros de Boiro e Ribeira, que se encargaron da incidencia.

A pasaxeira que viaxaba no asento de atrás apareceu na parte anterior do habitáculo, cun forte golpe na cabeza e en estado semiinconsciente, polo que se está a pescudar se levaba posto o cinto de seguridade. Ambas as dúas vítimas foron trasladadas en ambulancia ao hospital da Barbanza.

A Garda Civil de Tráfico tivo que pechar un dos carrís da estrada mentres os servizos médicos atendían as vítimas, aínda que non se produciron retencións. A choiva e a néboa están dificultando  a circulación polas estradas, polo que se recomenda moita precaución ao coller o coche.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade