Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dura derrota do Deportivo co Mirandés en Riazor (0-4)

Dura derrota do Deportivo co Mirandés en Riazor (0-4)

Izeta, cun hat trick, desfixo os coruñeses

Diego Villares foi expulsado na segunda metade con vermello directo

G24.gal 22/12/2024 22:53

O Deportivo pechou o ano cun xerro de auga fría en Riazor, onde non amosou o mesmo rendemento que cando xoga lonxe da Coruña. Os coruñeses apañaron unha goleada diante do Mirandés, un dos equipos de moda da segunda división, que pecha a primeira volta en posto de ascenso directo, superando nesta última xornada a un Rácing de Santander que ata hai ben pouco parecía imbatible.

O destino do partido quedou selado en tres minutos no treito final da primeira metade. Foi aí cando Izeta abría a conta desde os once metros, cun lanzamento de penalti que estivo a piques de deter Hélton. Isto acontecía no 36, e no 39, tres despois, Joel Roca recollía un balón solto na área pequena e, cun gran remate, establecía o 0-2.

O panorama non mudou á volta de pausa, e Izeta anotaba o segundo da súa conta persoal aos dez minutos. A obra mestra do futbolista guipuscoano, o seu hat trick, completouno de xeito espectacular: era o minuto 63 cando remataba co exterior da perna esquerda un centro de Joel Roca para pechar a conta.

Por se todo isto fose pouco, Villares vía o cartón vermello directo despois dunha entrada no centro do campo que revisou o VAR. A derrota deixa aos coruñeses con 24 puntos ao remate da primeira volta, a tres do descenso, aínda que teñen pendente o partido do Heliodoro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade