Farta de convivir coa humidade: "Vén do piso de arriba, pero ninguén pon solución"
Farta de convivir coa humidade: "Vén do piso de arriba, pero ninguén pon solución"
Unha veciña de Ordes denuncia que a auga do piso veciño lle entra no salón
A incidencia está en mans dos seguros, pero leva meses sen se resolver
O pesadelo de Carmen comezou hai un ano, cunha mancha negra no salón da casa.
"Ao principio pensei que era condensación, ventilei e puxen o deshumidificador, pero foi a máis cada día".
Co tempo a humidade estendeuse polo teito e apareceu unha greta, que ela mesma tapou por medo a unha desgraza.
"No verán pintei eu e tapei a greta porque tiña medo de que nos caera algo de arriba, a min ou aos meus netos".
Esta veciña de Ordes sospeita que a auga provén do piso superior, onde os veciños teñen a cociña. Ambos seguros saben do problema e foron visitar as casas, pero a solución non dá chegado.
"O nove de setembro recibín a visita do perito do seguro dos veciños, pero desde entón non sei máis".
Pide unha intervención urxente, porque os seus problemas de artrose e ciática tamén foron a máis.
"Teño a perna que non a aguanto, coa humidade vai a peor, vivo envolta en auga".
Ten o vaso da paciencia a piques de rebordar e agarda que a solución chegue antes de que a humidade colonice outras estancias do seu fogar.