Publicador de contidos
Publicador de contidos

Eärendel, a estrela máis afastada e antiga observada xamais, ao descuberto co Hubble

Eärendel, a estrela máis afastada e antiga observada xamais, ao descuberto co Hubble

Realmente xa non existe porque estoupou hai millóns de anos, cando o universo aínda era novo 

G24.gal 30/03/2022 17:17

Eärendel, o puntiño de luz que mostra a foto do telescopio Hubble, está a 12.900 millóns de anos luz da Terra e leva o nome dun poema de J. J. Tolkien escrito en 1914.

Formouse cando o universo aínda era novo. É a estrela máis afastada e antiga nunca observada. Aínda que xa non existe porque explotou hai millóns de anos, a súa luz foi tan potente que aínda se pode ver. É ademáis, unha estrela récord xa que, ata o de agora, a máis afastada detectada era Ícaro, descuberta en 2018 a 9.000 millóns de anos luz.

Descubriuna, como publica a revista científica 'Nature', un equipo internacional, con participación española, liderado pola Universidad Johns Hopkins dos EUA. Din que ata a data nunca viran unha estrela tan antiga que existiu nos primeiros mil millóns de anos tras o Big Bang

A importancia do achado radica nas claves para entender mellor a evolución das estrelas e como se formaron as primeiras, así como a etapa de reionización do universo, periodo no que circulaban electróns libres pero non se sabe que fontes de enerxía provocaron ese proceso.

Eärendel será, din os científicos, unha fiestra a unha era do universo coa que non estamos familiarizados, pero que conduciu a todo o que coñecemos. 

Estiman que tería, polo menos, 50 veces a masa do Sol e moito máis brillante ca este. Haberá que agardar a que outro telescopio, o James Webb, lanzado recentemente, estea totalmente operativo para determinar masa, tamaño, temperatura e radio de Eärendel e establecer se é unha estrela de primeira ou segunda xeración.

Ata 2018, cando se detectou Ícaro, ninguén pensara en buscar este tipo de estrelas, moi difíciles de recoñecer, xa que son só un punto de luz, sen forma algunha, comentan.  De feito din que hai tres anos estudar unha estrela así era ciencia ficción.

A descuberta de Eärendel foi posible grazas ao fenómeno chamado lente gravitatoria, que fai como se o Hubble fora 70 veces máis grande. Agora, o equipo agarda que co James Webb a estrela poida verse más ampliada para estudala mellor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos