Economía, políticas sociais e un pacto polas familias, claves na precampaña este domingo
Economía, políticas sociais e un pacto polas familias, claves na precampaña este domingo
Nadia Calviño retou hoxe a Feijóo a que desvele o seu programa económico e tamén quen o dirixirá para ter un debate con el
O líder do PP presentou un "gran pacto para as familias" que inclúe menos impostos, unha conciliación máis favorable e garderías gratuítas
Yolanda Días defende as "políticas sociais ambiciosas" fronte á dereita e a extrema dereita
Nun acto das Xuventudes Socialista, Nadia Calviño reivindicou os logros económicos do Goberno fronte á "nada do PP". Pediulle a Feijóo que desvele quen dirixirá a súa política en economía para ter un debate e contrastar programas.
"A política económica funciona. Cal é a súa proposta alternativa. señor Feijóo, de política económica? Cales son esas reformas profundas e valentes que vostede di que vai poñer en marcha? Que vai facer coas pensións, que vai facer co salario mínimo, que vai facer coa reforma laboral?".
En Salamanca, Núñez Feijóo clausuraba un acto sectorial sobre familias. A súa proposta inclúe medidas para favorecer a natalidade, catro meses de permiso por fillo, garderías gratuítas en toda España e baixada nos impostos para favorecer a economía familiar.
"Cando o Goberno di que a economía española vai ben, por que non lle pregunta á familia canto diñeiro ten que dedicar a comprar os alimentos básicos? Ou por que non lle pregunta ás familias se poden facer fronte ao incremento mensual das súas hipotecas?".
Para Yolanda Díaz as eleccións son a oportunidade de apostar pola dignidade laboral e os servizos públicos de calidade fronte ao PP e Vox.
"Suprimiron o servizo de mediación; suprimiron, en definitiva, o diálogo social en Castela e León e este é o seu programa para o resto de España: o Goberno á contra".