Educación vai citar as ANPAS e os centros para tratar a prohibición do uso do móbil

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa asegura que en decembro terán resultados destas xuntanzas

Judith Fernández di que o alcance da prohibición determinará se deberá concretarse como decreto, orde ou instrución

G24.gal 09/12/2023 10:35 Última actualización 09/12/2023 12:29

A Consellería de Educación iniciará "a principios desta semana que vén" as reunións con representantes das direccións e das ANPAS para abordar a extensión da prohibición do uso dos móbiles nos centros educativos.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, así o avanzaba, ao tempo que dicía agardar que ao longo deste mes houbese xa resultados sobre determinados detalles que faltan por concretar.  

"A principios desta semana que vén vanse establecer os primeiros contactos tanto cos representantes dos directores como tamén das asociacións de pais e de nais. Van ser as primeiras. Veremos como evolucionan e ao longo do mes seguramente teremos xa resultados desas reunións". 

Entre os detalles pendentes figura o de se se estendería a prohibición do uso ata os 18 anos. Tamén cómpre determinar que fórmula empregará a Consellería de Educación para articular esta normativa, a saber, a través dun decreto, unha orde ou unha instrución. Segundo dixo, "depende do alcance".

"Se imos a centros privados tería que ser unha modificación do decreto e obviamente non vai estar nun mes". "A nosa intención é empezar cos centros públicos a través dunha instrución ou dunha orde, iso valorarémolo cos expertos", indicou. 

A extensión da prohibición do uso dos móbiles enmárcase dentro do novo Plan integral contra o acoso escolar deseñado pola Xunta.

Ao abeiro dese plan, tamén está prevista a creación dos denominados puntos laranxa -físicos e virtuais- para denunciar situacións de acoso de forma anónima e segura en todos os colexios, institutos e centros de mocidade.

Segundo Judith Fernández, estes puntos laranxa "están en fase de produción" serán a modo dunha caixa de correo que se revisará a diario. A idea, dixo, é que "a produción se desenvolva durante este mes e xa logo haberá unha distribución xeral ao longo do mes de xaneiro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade