Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un milleiro de docentes analizan a aplicación da intelixencia artificial nas aulas

Un milleiro de docentes analizan a aplicación da intelixencia artificial nas aulas

No Congreso, que se celebra no Gaiás, comparten experiencias e debaten como facer un uso ético da tecnoloxía no ensino

Congreso de Intelixencia Artificial e Educación
G24.gal 16/03/2024 14:42 Última actualización 16/03/2024 16:30

Arredor dun milleiro de docentes de distintos niveis educativos participan na Cidade da Cultura nun congreso sobre a aplicación da intelixencia artificial no ensino. Ademais de compartir experiencias e ferramentas que xa se empregan nas aulas debaten sobre como facer un uso ético da tecnoloxía.

Como combinar as oportunidades da aprendizaxe automática que ofrece a intelixencia artificial cos valores básicos do ensino, como son a creatividade, a curiosidade por aprender, a colaboración ou a empatía que non dan as máquinas. É o reto que teñen por diante os ensinantes de todos os niveis educativos.

"Á fin nós somos educadores e temos que educar con intelixencia artificial está esa parte que é a ferramenta pero tamén está o coñecer o que é. Saber realmente que ocorre con eses algoritmos e con eses procesos para que nos fomente un pensamento crítico e reflexivo no alumnado e que poida ter maior autonomía cando nos lanzan as saídas", asegura Jorge Calvo, relator no congreso Intelixencia Artificial e Educación e profesor e investigador na materia.

Ademais de valorar o aumento da produtividade que pode ofrecer a intelixencia artificial á hora de dar clase, hai que comprobar tamén como funciona a nivel da aprendizaxe.

"Non quedar só no produtivos que somos empregando unha ferramenta que nos permite crear presentacións dunha forma rápida ou crear contido rápido, senón ver cal é ese contido que nos está dando. Ten nesgos? Realmente é efectiva a aprendizaxe con ese contido que creei. Esas son as preguntas que debemos facer xa nunha segunda fase", insiste Calvo.

"Non podemos crer que a Intelixencia Artificial é una fin en si mesmo, senón que é unha ferramenta para axudar nas aulas e poder poñer a disposición das persoas as grandes capacidades que a IA ten", asegurou o conselleiro de Educación en funcións, Román Rodríguez.

Xorden múltiples dúbidas á hora da súa aplicación: pódese avaliar realmente con intelixencia artificial, que é o que hai que avaliar unha vez que as ferramentas xa están aquí ou cal será a súa aplicación na personalización das necesidades educativas específicas ou na predición do fracaso escolar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade