Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estados Unidos anuncia 1.100 millóns de dólares en axuda militar a Taiwán

Estados Unidos anuncia 1.100 millóns de dólares en axuda militar a Taiwán

O anuncio chega nun momento de especial tensión entre Washington e Pequín

G24.gal 03/09/2022 09:49 Última actualización 03/09/2022 10:25

Medra a fricción entre a China e os Estados Unidos en torno a Taiwán. Washington anunciou un paquete de asistencia militar á illa por valor de 1.100 millóns de dólares, co obxectivo de reforzar o seu sistema de mísiles e de radares.

A axuda, a máis cuantiosa concedida ata o momento polo Goberno de Joe Biden, ten que ser avalada polo Congreso dos Estados Unidos, onde Taiwán ten o apoio tanto de demócratas coma de republicanos, polo que a aprobación é un mero trámite.

O anuncio chega nun momento especialmente tenso logo da polémica visita da presidenta da Cámara de representantes estadounidense, Nancy Pelosi, e con manobras militares da China preto da illa.

Principio "dunha soa China"

Un portavoz do Departamento de Estado asegurou que a axuda militar é necesaria para que a illa "manteña a súa capacidade para defenderse a si mesma". Ademais, di que o paquete cumpre co principio "dunha soa China", que Pequín impón como base dos seus lazos con calquera país.

Esa política significa que o único Goberno chinés ao que deben recoñecer os EUA é o que ten sede en Pequín, o que o afasta das aspiracións independentistas de Taiwán.

Biden reiterou en varias ocasións o seu respecto a ese principio que fixo que hai case medio século Washington rompera lazos diplomáticos con Taipei para establecelos con Pequín.

Ambigüidade estratéxica

A cambio, os Estados Unidos adoptaron a Acta de Relacións de Taiwán de 1979, na que se comprometía a fornecer axuda militar á illa pero non deixaba claro se interviría en caso de ataque chinés, unha política bautizada como "ambigüidade estratéxica".

Pola súa banda, a China reclama a soberanía da illa que considera unha provincia rebelde desde que os nacionalistas do Kuomintang se repregaron alí en 1949 tras perder a guerra civil contra os comunistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade