Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA cuestionan o uso que fai Israel en Gaza das armas que lles proporcionan

Os EUA cuestionan o uso que fai Israel en Gaza das armas que lles proporcionan

Segundo conclúe nun informe, o armamento usouse "nalgúns casos" de xeito "inconsistente" para evitar a morte de civís

A Casa Branca non atopa información suficiente para determinar que violou o dereito internacional 

Tampouco encontra indicios suficientes para acusar o Estado hebreo de obstruír a entrada de axuda humanitaria

G24.gal 11/05/2024 08:17 Última actualización 11/05/2024 16:27

A Casa Branca asegura que Israel usou armas estadounidenses en Gaza de xeito "inconsistente" co dereito internacional humanitario, pero non atopa información suficiente que xustifique frear o envío de asistencia militar a Israel.

Así figura nun informe do Departamento de Estado, que entregou este venres ao Congreso despois de atrasaren a súa publicación varios días, que supón a avaliación máis detallada ata o de agora da conduta de Israel na Franxa desde que comezou a guerra en outubro.

No documento non se conclúe que Israel violara o dereito internacional e as regras que Washington establece para a venda de armamento a calquera nación.

Con todo, afirma que é "razoable valorar" que as armas estadounidenses foron utilizadas polo Exército israelí "nalgúns casos" de xeito "inconsistente" coas súas obrigas co dereito internacional ou coas "mellores prácticas establecidas" para mitigar o dano á poboación civil.

O informe salienta que Israel ten "o coñecemento, a experiencia e as ferramentas" para evitar a morte de civís; pero salienta que os resultados sobre o terreo, incluídos os altos niveis de vítimas, expoñen "substanciais interrogantes" sobre se o Exército israelí está a usar as armas estadounidenses "de xeito efectivo en todos os casos".

Sen indicios suficientes

Malia eses indicios, o Departamento de Estado conclúe que non ten "suficiente información" para determinar que Israel violou o dereito internacional humanitario e xustifícao pola "natureza" do conflito en Gaza, que dificulta chegar a conclusións definitivas sobre incidentes individuais.

Ademais, subliña que Israel iniciou varios procesos na procura de responsabilidades por posibles violacións do dereito internacional, algo que resulta clave na avaliación dos Estados Unidos para determinar que vai seguir mandándolle axuda militar.

Tampouco atopa suficientes indicios para concluír que Israel obstruíu de xeito intencional a entrada de axuda humanitaria en Gaza, onde escasean os alimentos e onde morreron máis de 34.000 persoas como consecuencia do conflito.

Este documento, coñecido como NSM-20, foi elaborado a pedimento do presidente, Joe Biden, en febreiro. Esixe a todos os países que reciben axuda militar dos EUA e están involucrados en conflitos dar "garantías" por escrito de cumpriren o dereito internacional e non obstaculizar a entrega de axuda humanitaria proporcionada polo Goberno estadounidense.

Bloqueo dun paquete de armamento

A súa publicación non ten relación coa decisión que tomou esta semana Biden de frear, polo de agora, o envío a Israel dun paquete de armamento con explosivos de gran potencia, por temor a como podería utilizalos na cidade gazatí de Rafah.

Os Estados Unidos é o principal provedor de armas a Israel e un dos seus máis firmes aliados no mundo. Entre 2016 e 2023, un 69 % das armas importadas por Israel procedeu do país norteamericano, segundo datos do Stockholm International Peace Research Institute.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade