Publicador de contidos
Publicador de contidos

Washington e o Reino Unido lanzan un novo ataque a grande escala no Iemen

Washington e o Reino Unido lanzan un novo ataque a grande escala no Iemen

Ocorre un día despois dos bombardeos estadounidenses en Siria e Iraq que deixaron 45 persoas falecidas

G24.gal 04/02/2024 08:18 Última actualización 04/02/2024 09:13

Washington e o Reino Unido lanzan unha nova operación a grande escala contra trece zonas do Iemen controladas polos rebeldes hutís, en represalia polos seus ataques contra a navegación comercial no mar Vermello.

Segundo o Comando Central dos EUA (Centcom), bombardearon un total de 39 obxectivos  repartidos en trece zonas do Iemen controladas polos insurxentes. Desta volta contaron co apoio de Australia, Bahrein, O Canadá, Dinamarca, os Países Baixos e Nova Zelandia.

Esta é a terceira operación conxunta estadounidense e británica desde que ambos os dous países atacaran o Iemen por primeira vez o 12 de xaneiro. Os hutís prometen resposta mentres non se cumpran as súas demandas.

"Ou cesa a agresión contra Gaza ou haberá unha guerra ata o día do xuízo final", ameazou o responsable dos rebeldes, que recentemente foron clasificados polos EUA como organización terrorista.

Os bombardeos contra posicións hutís no Iemen comezaron en resposta aos ataques que os insurxentes levan realizando de acotío desde o pasado 19 de novembro contra buques no mar Vermello,  por onde navega o 15 % do comercio marítimo mundial.

Desde entón, os hutís declararon unha "guerra aberta" contra os EUA e o Reino Unido e organizan manifestacións multitudinarias semanais en todo o país para condenar os ataques destes países que consideran "agresores" e "colonizadores".

Máxima tensión en Oriente Próximo

Esta última campaña contra o Iemen ocorre un día despois de que os EUA bombardearan posicións das milicias proinarianas en Iraq e Siria, deixando polo menos 45 persoas falecidas en ambos os dous países.

O ataque, en represalia pola morte de tres soldados americanos a pasada semana en Xordania, desatou os temores dunha expansión da guerra en Gaza por toda a rexión. Segundo Bagdad e Damasco, tería "consecuencias devastadoras".

O Ministerio de Exteriores dos hutís condenou estes ataques e dixo que as operacións en Siria, Iraq e o Iemen "demostran claramente que os Estados Unidos son a verdadeira ameaza á paz e á seguridade internacionais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade