Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA volven pedirlle a Israel que garanta a seguridade dos cascos azuis no Líbano

Os EUA volven pedirlle a Israel que garanta a seguridade dos cascos azuis no Líbano

Nos últimos tres días cinco soldados da forza interina das Nacións Unidas neste país quedaron feridos por ataques xudeus

Condena de 34 países, entre eles España, das agresións hebreas contra a misión internacional de paz no Líbano

G24.gal 13/10/2024 09:42 Última actualización 13/10/2024 10:15

O secretario de Defensa dos Estados Unidos, Lloyd Austin, pediulle ao seu homólogo israelí, Yoav Gallant, que garanta a seguridade dos cascos azuis da FINUL e das Forzas Armadas do Líbano, despois dos ataques á misión de paz da ONU na zona e a morte de dous soldados libaneses.

Nunha chamada este sábado, Austin expresou a súa "profunda preocupación polas informacións dos ataques contra posicións das forzas de paz da ONU no Líbano, así coma os reportes das mortes de dous soldados libaneses".

"O secretario salientou a importancia de garantir a seguridade das forzas da FINUL e das Forzas Armadas libanesas e a necesidade de pasar das operacións militares no Líbano a un camiño de diplomacia canto antes e de maneira factible", indicou o Pentágono nun comunicado.

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, xa lle pedira o venres a Israel que non ataque a forza Interina das Nacións Unidas no Líbano (FINUL), despois de que bombardeos xudeus feriran catro cascos azuis nos últimos dous días. Este sábado, outro soldados quedou ferido.

Declaración conxunta

España e outros 33 países que achegan persoal á forza Interina das Nacións Unidas no Líbano (FINUL) publicaron este sábado unha declaración conxunta na que denuncian os ataques sufridos polo continxente internacional despregado no sur de Líbano nos últimos días.

"Condenamos contundentemente os recentes ataques contra as forzas de mantemento da paz da FINUL. Tales accións deben cesar de inmediato e deben ser investigadas adecuadamente", expoñen no comunicado.

Así mesmo, pídenlle ás partes implicadas respecto á súa presenza "que implica garantías para a seguridade do seu persoal en todo momento para que poidan seguir cumprindo co seu mandato e proseguir co traballo de mediación e apoio á paz e a estabilidade no Líbano e na rexión".

"Como países contribuíntes á FINUL reafirmamos o noso pleno apoio á misión e actividades da FINUL, cuxa principal obxectivo é lograr a estabilización e unha paz duradeira no sur de Líbano e tamén en Oriente Próximo", engaden

Os 34 países lembran as "resolucións relevantes do Consello de Seguridade da ONU" e destacan que "a función da FINUL é particularmente crucial á vista da escalada da situación na rexión".

Entre os asinantes figuran países como Bangladesh, O Brasil, A China, Francia, Ghana, Hungría, Indonesia, Irlanda, Italia, Corea do Sur, Malaisia, O Nepal, Qatar, Países Baixos, Turquía, O Reino Unido ou España.

Indignación polos ataques

Xa o venres os Gobernos de España, Italia e Francia manifestaron nunha declaración conxunta a súa indignación tras varios ataques israelís contra posicións da misión.

A FINUL, establecida no 1978, está integrada por uns 10.500 soldados duns 50 países, dos que 650 son españois.

A zona é escenario dun cruzamento diario de proxectís entre Israel e o grupo xiíta Hezbollah desde os ataques executados polas milicias palestinas desde Gaza o pasado 7 de outubro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade