Elévase a 83 o número de mortos no atentado suicida cometido onte nunha mesquita en Paquistán
Elévase a 83 o número de mortos no atentado suicida cometido onte nunha mesquita en Paquistán
As vítimas mortais son policías na súa maioría, xa que a mesquita estaba instalada nun centro de adestramento
Hai 157 feridos e aínda se buscan corpos baixo os entullos
As autoridades de Paquistán elevaron este martes a 83 o número de mortos e a 157 os feridos, na súa maioría funcionarios de policía, tras o atentado suicida cometido onte nunha mesquita no noroeste paquistaní, un dos peores atentados terroristas contra as forzas de seguridade deste país.
“O número de mortos chegou a 83 persoas, na súa maioría policías, mentres que 57 feridos dun total de 157, seguen sendo atendidos no hospital”, dixo o voceiro Asim Khan, do Hospital Lady Reading da cidade de Peshawar, onde ocorreu o atentado.
O atentado produciuse cara ao mediodía nunha mesquita en Police Lines, un centro residencial e de adestramento para policías, o cal explica o alto número de vítimas dentro deste corpo, declarou a EFE o comisionado de Peshawar Riaz Mehsud. "Á xente de fóra non se lle permite entrar no centro", remarcou Mehsud.
Os equipos de rescate seguen localizando persoas feridas debaixo dos entullos causados pola forte explosión, que tivo lugar cando a mesquita se atopaba especialmente concorrida durante un dos rezos.
"Había máis de trescentos fieis na mesquita, e (o atentado suicida) tivo lugar durante o rezo", dixo á prensa o oficial de policía Muhammad Ijaz Khan á entrada do templo atacado.
O ministro de Defensa paquistaní Khawaja Asif revelou que o atacante suicida se atopaba en primeira fila durante os rezos, e reivindicou que o Estado debe actuar contra os terroristas.