Publicador de contidos
Publicador de contidos

Elévanse a doce os casos de covid–19 ómicron detectados en Galicia

Elévanse a doce os casos de covid–19 ómicron detectados en Galicia

Seis dos rexistrados están na área de Vigo e outros seis na da Coruña

O conselleiro amosa a súa preocupación porque "a variante avanza" e pide que as persoas con síntomas non acudan aos centros de saúde

O Sergas prevé estender a todos os centros de saúde un sistema de devolución das chamadas que non foron atendidas

G24.gal 14/12/2021 13:25

Os casos da variante ómicron elévanse a 12 en Galicia, ao confirmarense tres novos casos na área de Vigo, segundo informou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña nunha comparecencia ante os xornalistas na visita ao centro de saúde dos Mallos.

O conselleiro explicou que hai seis casos detectados na área sanitaria da Coruña-Cee e outros seis na de Vigo. Aos xa secuenciados, súmanse outros seis en estudo na Área Sanitaria de Santiago que non teñen relación entre eles, segundo avanzou o Sergas.

"Isto fainos estar máis preocupados e atentos", remarcou García Comesaña, que detallou que se está detectando esta variante con dobre proba: primeiro unha PCR específica e logo a secuenciación.

"A variante avanza", recoñeceu o conselleiro, quen, por iso, considerou que hai que estar "máis atentos". "Hai que lanzar unha mensaxe de preocupación co desenvolvemento desta variante de maneira rápida", admitiu, e apelou, para reducir contaxios, á responsabilidade individual.

Neste sentido, fixo un chamamento para que aquelas persoas con sospeitas de ter covid–19 non acudan aos centros de saúde para ser atendidos, pois está sendo unha práctica “habitual”.

Sobre se Galicia estará chegando ao pico desta nova vaga, dixo que"hai indicios de que puidese estar a ser así”, aínda que puntualizou que hai que "esperar uns días máis a ver se se confirma a retardación” de contaxios.

“Tiñamos un modelo cos especialistas que dicía que podía haber ese freo que non estamos a ver aínda. Queremos esperar uns días máis a ver se se confirma a retardación”, dixo o titular de Sanidade que explicou que aínda están á espera do “posible efecto das pontes”, xa que hai “dúbidas” sobre a posible recuperación.

Así, aclarou que "nunca se descartaron" as posibles restricións para o Nadal.

Neste sentido, animou os cidadáns con síntomas a usaren a vía telefónica e non trasladarse ao centro sanitario polo “risco” de contaxio.

Respecto diso, apelou á "responsabilidade" e ao "sentidiño" dado que ás portas do Nadal "non hai que baixar a garda".

Xulio García Comesaña comprobou hoxe os resultados do ensaio piloto do sistema CRM-100 que está xa implantado en 35 centros. O ensaio fíxose no centro de saúde dos Mallos, na Coruña, onde só nos últimos 13 días devolveron 1.300 chamadas aos usuarios que previamente tentaron contactar co centro e non puideron.

"A xente ten moita incerteza e moitos motivos de consulta, e claro, isto facilítalles moitísimo. Que esteas na túa casa e que aos 20-25 minutos te chamen para dicir: «Oia, vostede tentou contactar co centro de saúde, que é o que lle sucede?»", di Ana Zamora, responsable de Atención Primaria.

"Estamos practicamente incorporando cinco centros cada semana, e a previsión é incorporar os 490 que hai en Galicia en 2022", engadiu o conselleiro de Sanidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade