Publicador de contidos
Publicador de contidos

Élisabeth Borne dimite como primeira ministra francesa

Élisabeth Borne dimite como primeira ministra francesa

O actual titular de Educación Gabriel Attal aparece como favorito para a súa sucesión

G24.gal 08/01/2024 18:17 Última actualización 08/01/2024 18:33

Élisabeth Borne presentou este luns a súa dimisión como primeira ministra francesa, segundo anunciou o Elíseo, e o actual titular de Educación Gabriel Attal aparece como favorito para a súa sucesión.

"O seu traballo ao servizo da nosa nación foi cada día exemplar. Vostede dirixiu o noso proxecto coa coraxe, o compromiso e a determinación das estadistas. Grazas de todo corazón", afirmou o presidente Emmanuel Macron na súa conta social de X.

Moi impopular nas sondaxes, o presidente busca revitalizar o seu mandato e dar un novo alento á súa política ano e medio despois da súa reelección.

Tras 20 meses á fronte do Executivo, Borne, a segunda muller que dirixiu un goberno en Francia, pagou o desgaste dun cargo en que afrontou medidas impopulares, como a reforma das pensións ou a lei de inmigración.

Esta última, aprobada o mes pasado co apoio da dereita conservadora e da ultradereita, provocou unha fragmentación do partido do presidente Macron, cun enorme descontento da súa á máis esquerdista.

Borne non logrou atopar os consensos necesarios para aprobar as leis do seu goberno, o que a obrigou a acudir con frecuencia a un artigo da Constitución que lle permite adoptalas sen voto dos deputados.

En contrapartida, viuse obrigada a superar 30 mocións de censura presentadas pola oposición, algunhas delas gañadas por estreita marxe, como a que superou tras a aprobación da reforma das pensións por tan só nove votos.

Xa entón, o seu posto á fronte do Goberno parecía comprometido, pero Macron apostou por mantela no cargo coa condición de que soubese atopar os pactos necesarios para evitar unha parálise do país.

Borne, de 62 anos, procedente do Partido Socialista, reputada negociadora, non conseguiu atraer nin a oposición de esquerdas nin a de dereitas, un labor que agora terá que afrontar o seu sucesor.

O Elíseo indicou que a actual primeira ministra seguirá tratando os asuntos correntes ata a súa substitución.

O titular de Educación Gabriel Attal aparece como o favorito para dirixir o Goberno, o cal, de confirmarse, o convertería aos seus 34 anos no primeiro ministro máis novo da historia de Francia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade