Emilio Bruquetas: "A comercializadora rebaixará a factura da luz un 50 %"
Emilio Bruquetas: "A comercializadora rebaixará a factura da luz un 50 %"
O conselleiro delegado de RDG, empresa que xestionará a comercializadora, asegura que estará operativa no primeiro trimestre de 2025
Salienta que Galicia ten moito potencial en enerxía eólica offshore e undimotriz e unha posición privilexiada en materiais como o litio
O conselleiro delegado de Recursos de Galicia (RDG), Emilio Bruquetas, avanzou que a comercializadora pública de enerxía ofrecerá descontos do 50 % no prezo da luz aos veciños que residan en contornas nas que se desenvolvan proxectos enerxéticos renovables.
Segundo dixo na entrevista dos domingos da Radio Galega, tamén ofrecerá volumes de enerxía a prezos competitivos para as empresas da zona.
"Beneficiará os cidadáns da contorna dos proxectos enerxéticos nos que participe RDG e os sectores estratéxicos da zona para que sexan competitivos. No caso dos veciños estamos pensando nunha rebaixa do 50 % e nas empresas verase caso por caso".
O Consello de Administración de RDG aprobou en setembro a creación da comercializadora como filial da empresa pública-privada na que a Xunta conta cunha participación do 30 % e o resto do accionaridado está composto por 32 empresas que teñen como obxectivo "crear vantaxes competitivas en Galicia para o desenvolvemento industrial".
Enerxías Limpas
Emilio Bruquetas sinala que Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira que nace "para transformar os recursos naturais de Galicia en riqueza social". Neste sentido, o conselleiro delegado de RDG apuntou que Galicia non só ten moito potencial en enerxía eólica terrestre senón tamén en eólica offshore.
"Cremos que Galicia pode ser unha das zonas con maiores recursos en eólica mariña de España".
A isto hai que engadir a enerxía undimotriz, que aproveita o movemento das ondas e para a que, segundo o conselleiro delegado de RDG, xa hai tecnoloxías viables.
Ademais, Emilio Bruquetas cre que Galicia "pode ter un rol moi importante no almacenamento enerxético a través dos bombeos hidráulicos". As centrais que empregan esta tecnoloxía contan con dous encoros, un superior que actúa como unha gran pía, e outro inferior dende o que se bombea auga nos momentos de menor demanda. Así, cando o consumo se dispara, aumenta tamén capacidade de xerar enerxía limpa.
Segundo Bruquetas, canto maior sexa o volume de enerxía que consiga xerar Recursos de Galicia "máis barata e máis competitiva será a enerxía da que disporán os sectores económicos galegos".
Galicia, clave en transición enerxética
O conselleiro delegado de RDG apuntou que Galicia é unha rexión rica en recursos minerais que a Unión Europea considera críticos para garantir a transición enerxética.
"Galicia é rica en litio, en cobre e en terras raras, materiais que son necesarios para a transición enerxética e que estarán moi demandados nos vindeiros anos. Galicia ten unha posición privilexiada".
Emilio Bruquetas considera que a riqueza mineral de Galicia suporá un plus de competitividade para as empresas galegas.
O conselleiro delegado de RDG defendeu, neste sentido, a actividade mineira que hoxe en día "nace restaurando e que conta cos estándares ambientais máis altos".