Empate entre Países Baixos e Ecuador, que soña co pase a oitavos
Empate entre Países Baixos e Ecuador, que soña co pase a oitavos
As seleccións dos Países Baixos e o Ecuador empatan a un gol e encabezan o grupo A igualadas a catro puntos
Gakpo marca para o equipo de Van Gaal, e para a tricolor Enner Valencia, que se retirou lesionado
Empate a un gol entre Países Baixos e Ecuador (1-1).
O equipo de Van Gaal adiantouse aos seis minutos cun gol de Cody Gakpo. O extremo do PSV estase a converter nunha das revelacións deste torneo. Cazou un rexeitamento na frontal e marcou pola escuadra.
Xusto antes do descanso, a Ecuador anuláronlle un gol por fóra de xogo. O disparo de Estupiñán quedou invalidado pola presenza dun compañeiro tapando o porteiro Noppert.
Á volta do descanso empatou Ecuador, tras roubar un balón e plantarse con velocidade. Estupiñán disparou con potencia e ao rexeite, en posición legal, estaba Enner Valencia para marcar unha vez máis nun Mundial.
Seus son os seis últimos goles do Ecuador. Iso si, non acabou o partido. Retirouse lesionado.
Tivo unha ocasión de ouro Gonzalo Plata, xogador do Valladolid, para poñer por diante a Ecuador. O seu tiro bateu no traveseiro.
Na última xornada deste grupo A ten todo a favor Países Baixos, que se enfronta á eliminada Qatar. Ecuador e Senegal pelexarán pola outra praza.