Publicador de contidos
Publicador de contidos

Conxemar, cita pesqueira de referencia, reúne en Vigo 700 empresas de 42 países

Conxemar, cita pesqueira de referencia, reúne en Vigo 700 empresas de 42 países

A XXIII Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados celébrase entre o martes e o xoves no Ifevi

O luns bota a andar cun congreso promovido conxuntamente coa FAO sobre os desafíos do sector

Imaxe da edición anterior de Conxemar Imaxe da edición anterior de Conxemar
G24.gal 02/10/2022 10:32 Última actualización 02/10/2022 11:52

Conxemar, cita de referencia internacional para o sector da pesca, reúne a partir deste luns en Vigo 700 empresas de 42 nacionalidades, nun momento clave tras a pandemia e a complexa situación económica internacional.

A XXIII edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados celébrase entre o martes e o xoves, pero o luns xa bota a andar cun congreso promovido conxuntamente coa Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación (FAO).

Tradicional punto de encontro do sector español -precisamente en Galicia, a principal autonomía pesqueira nacional-, é unha mostra de referencia internacional, aínda que este ano a feira pesqueira Seafood de Barcelona rexistrou un número maior de empresas expositoras.

Con todo, o calendario de Conxemar é importante porque precede a campaña do Nadal, un dos momentos principais para a facturación desta industria.

A mostra, situada no recinto feiral Ifevi de Vigo, con 37.000 metros cadrados -un 33 % máis ca en edicións anteriores-, conta con 16 pavillóns internacionais de países como a Arxentina, Chile, a China, Estonia, Letonia, Croacia, o Canadá e Portugal.

A mostra recuperou a participación de países que en 2021 se ausentaron por mor das restricións da pandemia, nun momento en que o sector se cuestiona o futuro tras a covid-19, nun contexto de inflación, cambio climático e crise xeopolítica pola guerra de Ucraína.

Programa

O luns, o congreso Conxemar FAO abordará estes desafíos, coa presenza de patronais, especialistas, economistas e asociacións da industria pesqueira de catro continentes e de países como os Estados Unidos, O Xapón, Italia, Portugal ou Marrocos.

Nesta xornada analizaranse as implicacións políticas e económicas no proceso da inflación, a perda do poder adquisitivo das familias, as perspectivas do sector a medio e longo prazo, tras un atasco loxístico "histórico" e as estratexias de futuro.

O martes inauguran a feira o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a secretaria xeral de Pesca do Goberno central, Alicia Villauriz, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O xoves, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, visita a feira e o expositor institucional do seu departamento.

Boas previsións

O presidente de Conxemar, Eloy García Alvariza, subliña a relevancia da feira para as empresas de transformación e comercialización de produtos do mar e da acuicultura, así como as boas previsións.

Ademais, salienta a súa "condición única" como espazo aberto de negociación para materia prima e produtos de maior innovación e valor engadido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade