Empezan a reabrir as farmacias afectadas polas riadas
Empezan a reabrir as farmacias afectadas polas riadas
Máis de catrocentas farmacias quedaron danadas polas riadas en Valencia
A día de hoxe, todas as localidades afectadas teñen, polo menos, unha en servizo, con longas ringleiras de veciños ás portas
Tamén hai un autobús hixiénico prestando servizo nas zonas afectadas
Ducias de veciños amoréanse ás portas da primeira farmacia que abriu en Paiporta.
Caridad Gil, farmacéutica de Paiporta: "A xente tiña necesidade de conseguir medicación, non podían acudir a outra localidade porque o 95 % da poboación quedou sen coche".
Ás portas distribúen produtos de parafarmacia, e dentro os medicamentos. "Eu veño da outra parte da vila, por medicación para meu pai que é crónico". "A miña avoa toma anticoagulante e, como é crónica, faille falta todos os días", comentan dúas veciñas.
Aínda quedan medio cento de farmacias sen abrir, pero desde o colexio de farmacéuticos garanten a subministración. Tamén, o acceso dos enfermos que perderan a súa documentación.
Jaime Giner, presidente do Colexio de Farmacéuticos: "Con SIP, con DNI ou sen nada. Calquera farmacia, en calquera momento, pode facer un pedido a calquera parte de España, e telo na farmacia ao día seguinte".
Autobús hixiénico
A hixiene é outro dos retos para unhas poboacións inmersas na lama das riadas.
Un autobús hixiénico de Mensaxeiros pola Paz, anda percorrendo os territorios afectados. Ofrece aseo, curas para feridas leves e reconfortantes duchas quentes.
Aurelio Oterino Ponce, responsable do autobús hixiénico: "Hai xente que se duchou e púxose a chorar só polo tempo ese de auga quente que recibiu".
Pequenos recursos para recuperar a sensación de normalidade, aínda que sexa por un instante.