En Begonte e Lugo avalían os estragos causados pola auga en vivendas e negocios
En Begonte e Lugo avalían os estragos causados pola auga en vivendas e negocios
Volve o profesorado ao colexio da Ponte, onde os danos son cuantiosos
Descende o nivel de alerta de vermello a laranxa nos ríos Miño e Ladra
Os veciños evacuados no lugar de Riocaldo, en Begonte, puideron regresar aos seus fogares, onde a auga chegou a acadar os dous metros de altura. Practicamente todo canto tiñan nos baixos quedou estragado, tanto electrodomésticos como mobles, ferramentas, roupa ou comida.
Tras os momentos de tensión que viviron durante o seu rescate, os afectados avalían agora os danos materiais. Segundo sinalan, as perdas son cuantiosas.
No barrio da Ponte, en Lugo, tamén toca valorar os danos, tanto nas vivendas coma no negocios inundados. Un dos máis afectados é o balneario, onde a planta baixa segue anegada.
"Estropeouse un ascensor que descendeu ao baixo, e tamén parte das bombas e todos seguramente todos os sistemas eléctricos que hai na planta baixa", di Antonio Garaloces, director do balneario de Lugo.
E no colexio da Ponte puido regresar o persoal do centro, pero non aínda os 220 alumnos. Aquí derramáronse varios aparellos da cociña ou o chan dunha nova biblioteca.
"Hai problemas cos enchufes e cunha caldeira, que non se poden conectar porque están cheos de auga. Aínda estamos avaliando, co profesorado a traballar nas aulas para recuperar as clases canto antes", explica o director José Luis Bernedo.
Tanto en Begonte coma en Lugo, os ríos Ladra e Miño descenderon ao nivel de alerta laranxa.