En España morreron máis de 88.000 persoas a consecuencia da covid
Máis de cinco millóns de contaxios de covid no país
Desde que comezou a pandemia, en España morreron a consecuencia do virus da covid-19 máis de oitenta e oito mil persoas, segundo os datos facilitados este venres polo Ministerio de Sanidade, que non actualiza a súa información durante a fin de semana. As comunidades máis afectadas foron Madrid, Cataluña e Andalucía.
Eses mesmos datos oficiais confirman que nese período houbo no noso país máis de cinco millóns douscentos mil contaxios pola covid.
En España hai seis casos confirmados da variante ómicron
Os contaxios pola última variante do virus, a ómicron, ata o de agora son seis, catro deles de viaxeiros procedentes de Suráfrica. Os afectados están leves e illados, mentres os especialistas investigan outros casos sospeitosos.
A incidencia medra en todos os territorios, pero especialmente no País Vasco, Aragón e Castela e León. O dato positivo é que estamos aproximándonos aos 38 millóns de persoas coa pauta de vacinación completa.
Case todas as comunidades esixen o pasaporte covid
A situación levou á maior parte das comunidades autónomas a esixir, en maior ou menor medida, o certificado de vacinación ou pasaporte covid para acceder a determinados lugares e eventos. Agora mesmo só catro comunidades, Madrid, Castela-A Mancha, Extremadura e A Rioxa, permiten a libre circulación. Canarias foi autorizada este sábado, e esixirá o certificado a partir do próximo día dez, e Cantabria agarda a decisión xudicial favorable para implantalo.