En Galicia medra o número de animais de compañía inscritos no rexistro
En Galicia medra o número de animais de compañía inscritos no rexistro
No concello de Oleiros o número de animais de compañía inscritos é de preto de 10.000, case o dobre que o número de menores de 16 años
No concello de Oleiros o número de animais de compañía inscritos polos seus donos no rexistro galego sitúase ao redor dos 10.000. Pola súa banda, a cifra de menores de 16 anos, con data de 2022, foi de 5.700. É unha tendencia que se repite cada vez máis. "Antigamente non se lles daba ese trato aos animais. A día de hoxe, si. É un compoñente máis da familia", di Samuel Ramos, veterinario do Centro Veterinario Low Cost da Coruña.
O certo é que as cifras oficiais son as do número de animais de compañía rexistrados. Cifras que poderían aumentar considerablemente nos vindeiros meses xa que desde a entrada en vigor da nova lei de benestar animal amais dos cans tamén os gatos deben contar con microchip identificador.
A lei entrou en vigor o pasado 29 de setembro, hai apenas un mes, e no centro veterinario onde traballa Samuel xa se están a notar os seus efectos. "A identificación supón ter un rexistro do seu coidador para que o poidan avisar en caso de que pase algo ou se se perde o animal. Mais é certo que desde que entrou en vigor a lei a xente comeza a concienciarse un pouco máis de que hai que ter os animais rexistrados e en boas condicións". Coa identificación tamén se procura controlar as colonias felinas e reducir as cifras de abandono.