En menos dun mes comezan as oposicións do ensino en Galicia
Os máis de 21.000 asipirantes poden consultar onde lles toca facer as probas, segundo a especialidade
Hai exames en quince localidades e a primeira proba celébrase en todas elas o día 22 de xuño

Educación ultima toda intendencia organizativa para a celebración das oposicións do ensino de xeito descentralizado en 15 concellos do país.
Hai exames nas capitais de provincia e tamén en vilas cabeceira de comarca como Ribeira, Lalín, O Carballiño ou Vilagarcía de Arousa. Un total de 195 tribunais supervisarán o desenvolvemento do proceso.
"O sábado 22 dará comezo un novo proceso de estabilización, unha nova oposición do profesorado que vai mobilizar 1.743 novas prazas o 86 por cento son de novo ingreso e 231 para promover de mestres de primaria, de instituto ou de inspectores", di Román Rodríguez, conselleiro de Educación.
Hai máis de 21.200 persoas convocadas. Para o conselleiro de Educación, este proceso mostra o compromiso da Xunta coa estabilidade do profesorado. Dixo que eleva a máis de 18.500 as prazas convocadas desde o 2009.
"Isto permítenos ter a taxa de interinos estruturais máis baixa de España. Estamos por baixo do 5 por cento cando a media do Estado está no 25 por cento, aínda hoxe e hai comunidades por baixo do 50 por cento", afirma Román Rodríguez.
Os 1.743 docentes que logren praza incorporaranse o seu posto de traballo o un de setembro. Está previsto que a principios de agosto coñezan o seu destino.