Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Vilar de Barrio só queda auga para dous días

En Vilar de Barrio só queda auga para dous días

O alcalde advirte de que o depósito non recupera ao ritmo que se consome

En Padreda xa están cortando a subministración durante a noite

Depósito de Vilar de Barrio
G24.gal 30/08/2022 14:54

Coa pouca auga que entra, o depósito de Vilar de Barrio non recupera dun día para outro. De seguir así, advirte o alcalde, en dous días quedan sen auga. 

Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio: "Está entrando menos auga da que se consome, polo tanto, en dous días teremos o depósito baleiro".

Coma en Padreda, que xa ten que cortala polas noites. Aquí, o manancial tampouco abonda. Teñen que encher o depósito periodicamente con cisternas e os propios veciños encárganse de regular a subministración, seguindo as indicacións do concello. "Pechamos ás dez e cuarto da noite, e ás nove da mañá xa está aberto", explica Juan Carlos, o veciño encargado de abrir e pechar o depósito.

Un bando municipal advirte en todo o concello contra o mal uso da auga. Os operarios municipais andan substituíndo tubaxes para evitar perdas, e mesmo vixían con drons o uso indebido. 
Cando os puxeron a funcionar, as reservas do depósito aumentaron un metro en 24 horas. Pero agora, nada abonda.

"Estamos preocupados, porque o concello non vai estar sempre traendo cisternas", lamenta unha veciña.

Poucas reservas 

Segundo o último informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a reserva hídrica da demarcación non chega ao 50 por cento. Hai ríos, coma o Limia ou o Arenteiro, con treitos practicamente secos, que se poden cruzar a pé, e os encoros están de media ao 47 %, un 20 % menos do habitual nesta época do ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos