Atraso nas viaxes do IMSERSO polo recurso de varias turoperadoras
Atraso nas viaxes do IMSERSO polo recurso de varias turoperadoras
Os usuarios habituais deberían estar recibindo este mes a documentación para viaxar
Desde as axencias de viaxe mandan unha mensaxe de tranquilidade
Na última campaña de viaxes do IMSERSO tramitáronse en Galicia 237.000 solicitudes. Este ano aínda non se sabe que vai pasar coas viaxes.
O tribunal administrativo que depende de Facenda admitiu a petición de varias empresas turoperadoras que recorreron contra a decisión de contratar as viaxes á empresa Ávoris, filial de Barceló, e solicitaron que se suspendese cautelarmente a adxudicación.
Desde as axencias de viaxes queren tranquilizar a poboación afectada.
"Mensaxe de tranquilidade. Si que vai haber viaxes, posiblemente o atraso non pase dun mes. O IMSERSO segue mantendo que a xente recibirá as cartas ao longo deste mes de setembro", asegura Juan Antonio Rivadulla Fernández, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.
Todo depende do que aconteza cos recursos presentados polas empresas que perderon o concurso. Se finalmente non se admiten, o programa sufriría un atraso mínimo. Outra cousa é se se admiten os recursos e se paraliza todo o proceso.
"Aquí será menor a repercusión. Non creo que teña efectos sobre o emprego pero podería ser. Todo dependerá da cantidade de días que se atrase isto", engade.
A patronal valenciana calcula que se poderían perder 13.000 empregos nos hoteis desa Comunidade.