A sondaxe do CIS sitúa o PP en cabeza, pero dálle á esquerda opcións de gobernar
A sondaxe do CIS sitúa o PP en cabeza, pero dálle á esquerda opcións de gobernar
Segundo a enquisa realizada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas, o PP obtería o 31,4 % dos votos, seguido do PSOE co 31,2 %, Sumar co 16,4 % e Vox co 10,6 %
Na repartición de escanos, os populares obterían entre 122 e 140, o PSOE entre 115 e 135, Sumar entre 43 e 50 e Vox entre 21 e 29
A macrosondaxe electoral realizada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sitúa o Partido Popular cunha intención de voto dun 31,4 % e por primeira vez nos últimos meses como a forza máis votada.
A moi pouca distancia dos populares está o PSOE, cun 31,2 % de estimación, seguido por Sumar, co 16,4 %, e Vox co 10,6 %.
Con respecto á anterior sondaxe realizada polo CIS, publicada a mediados de xuño, o PP sobe sete décimas, pasando do 30,7 % de intención de voto ao 31,4 %, mentres que o PSOE se mantén no 31,2 %. Vox tamén mantén intactas as súas expectativas respecto desa enquisa, mentres que Sumar sobe do 14,3 % ao 16,4 %.
Repartición de escanos
A translación destes resultados a escanos dálle ao PP entre 122 e 140 deputados, ao PSOE entre 115 e 135, a Sumar entre 43 e 50 e a Vox entre 21 e 29.
Esa suma non lle daría en ningún caso a maioría absoluta ao bloque de dereita, que no mellor dos resultados estimados sumaría 169 deputados. Si que podería darse no caso da esquerda, que na estimación máis optimista do CIS para os seus intereses podería chegar ata os 185.
No caso do BNG, o Centro de Investigacións Sociolóxicas adxudícalle entre doous e tres escanos. ERC situaríase entre cinco e sete deputados, EH-Bildu entre catro e sete, JuntsxCat entre tres e seis e o PNV entre tres e cinco.
Outras sondaxes
Outra enquisa publicada este mércores, neste caso de GAD3, dálle 155 escanos ao PP, e o PSOE conseguiría 107. Sumar sería terceira forza con 30 e Vox obtería 29. O BNG conseguiría un deputado.
A suma PP-Vox sería suficiente para chegar aos 176 escanos que marcan a maioría absoluta e que tamén lle daban a maioría das catro publicadas ao comezo desta semana por varios medios.