Publicador de contidos
Publicador de contidos

Así é a nova normativa para patinetes eléctricos que entra hoxe en vigor

Así é a nova normativa para patinetes eléctricos que entra hoxe en vigor

Dende hoxe teñen que estar certificados e dispoñer dun indicador de velocidade e sistema de freado

Os patinetes vendidos antes do 22 de xaneiro poden circular sen homologación ata 2027

G24.gal 22/01/2024 08:50

A partir deste 22 de xaneiro de 2024, todos os vehículos de mobilidade persoal (VMP) que se vendan deben estar certificados. Teñen que dispoñer dunha placa que garanta o cumprimento das especificacións reguladas no manual de Tráfico. Unha marcaxe de fábrica, permanente, lexible, situada de forma claramente visible e que indique a velocidade máxima, o número de serie ou identificación, o número de certificado, o ano de fabricación, a marca e o modelo.

OS VMP que se comercialicen dende hoxe deben contar, ademais, cun indicador de velocidade e un sistema de freado con dous freos independentes. Tamén teñen que ter un indicador de información visible da velocidade e do nivel de batería. Non poden circular a máis de 25 km/h, velocidade a partir da cal o motor deixará de impulsar o vehículo, e disporán dun sistema de antimanipulación.

Os usuarios pedían unha regulación, pero cren que esta non é a mellor. Como conta Carlos Coloret, de Bgo electric: "Os que xa somos usuarios avanzados e levamos tempo co patinete non entendemos que teñamos que darlle unha patada ao patinete para arrancar, que non arranque directamente cun acelerador, aínda que vaia a 25; e outra normativa que non entendemos, á parte da limitación da velocidade, que non é para correr, é porque nos obrigan a ir pola calzada, cando o resto dos vehículos van a 50, ir a 25 non é o máis seguro do mundo".

Os dedicados ao transporte de mercadorías ou outros servizos, deben levar instalados obrigatoriamente intermitentes dianteiros e traseiros, retrovisores e asistente de marcha atrás. Os vehículos de mobilidade persoal (VMP) de menos de tres rodas teñen que levar unha pata de cabra lateral ou un cabalete central para evitar que  queden tirados no medio das rúas. 

Outra das queixas dos usuarios é relativa a limitación da potencia: "A partir de hoxe non poderán levar máis de 1.000 watts de potencia. Nunha cidade como a nosa, coas costas que temos, é unha discriminación. Xente a partir de 90, 95 quilos non pode utilizar o patinete porque non lle sobe as costas", quéixase Carlos Coloret.

En España hai cinco millóns de vehículos de mobilidade persoal. Os seus condutores están obrigados a cumprir as normas de circulación, e teñen prohibido transitar por beirarrúas, travesías, vías interurbanas, autovías e autoestradas, así como por túneles urbanos. 

Os patinetes xa comercializados poderán circular sen certificación ata o 22 de xaneiro de 2027.  A partir de entón, soamente o poderán facer os que conten coa homologación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade