Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Estamos preparados para ese adianto electoral porque parece que o vai haber"

"Estamos preparados para ese adianto electoral porque parece que o vai haber"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defende a neutralidade da formación no proceso de primarias: "A militancia é a que decide quen é o candidato"

Formoso critica a Rueda pola "súa falta de ambición" para resolver os problemas sociais do país e comprométese a reformar o Estatuto de Autonomía en caso de chegar ao goberno da Xunta para poder asumir competencias como as da xestión do litoral

"O PSOE e tampouco o PSdeG xamais van permitir que se prexudique Galicia en ningún acordo a nivel estatal", sostén en canto as negociacións para a investidura de Sánchez

G24.gal 16/10/2023 09:50

O PSdeG está inmerso no proceso de primarias para elixir candidato a presidencia da Xunta, convencido de que Alfonso Rueda adiantará os comicios e a formación debe estar lista para cando iso ocorra. Cando menos así o expresaba este luns nunha entrevista no Bos días o seu secretario xeral, Valentín González Formoso.

Esta mesma fin de semana, Gonzalo Caballero anunciaba a súa retirada desa carreira, quedando como favorito Xosé Ramón Gómez Besteiro, a quen se sinala como o candidato do aparato do partido.

"Nós estamos nun partido en que a democracia impera na elección do candidato á presidencia da Xunta de Galicia, onde entre un militante e un candidato non hai nada máis, nin aparato nin non aparato", defende González Formoso. "Creo que hai que respectar cando unha persoa decide presentarse a unhas primarias, involucrarse no futuro da súa sociedade, e respectar tamén cando retira a súa candidatura".

"A militancia é a que decide quen é o candidato"

O secretario xeral do PSdeG defende a neutralidade da dirección que "nin en Madrid en Galicia, ten nunca un candidato favorito".

"Entendo que despois desa escoita activa que iniciou no que escoitaría a militancia, que era un clamor, seguramente escoitou que precisamente debería adoptar a decisión que finalmente tomou. Terá as súas motivacións, que explicará o compañeiro", asegurou Formoso referíndose a Caballero. 

"A militancia é a que decide quen é o candidato. Eu son secretario xeral escollido pola militancia libremente contra a dirección dun partido en que estaba precisamente como secretario xeral Gonzalo Caballero, que era o meu rival, e foi a militancia a que libremente escolleu. E Pedro Sánchez é secretario xeral do Partido Socialista precisamente contra a dirección do partido que había naquel momento instaurada", insistía.

"Polo tanto, -afirma o secretario xeral dos socialistas galegos-, o que si que ten acreditado este partido é que a militancia é soberana, o voto ten un peso enorme, entre ese voto soberano e o candidato final non hai nada, nin dirección nin non dirección".

"Estamos preparados para ese adianto porque parece que o vai haber"

Formoso sinala a Alfonso Rueda, a quen acusa de que "leva tempo xogando e amagando con que convoca ou non convoca eleccións".

"Loxicamente o Partido Socialista de Galicia solicitara a convocatoria de primarias e agora, por fin, a Dirección Federal nos permite que a militancia poida expresarse o máis rápido posible para estar activados ante ese posible adianto electoral por parte dun presidente da Xunta de Galicia que en vez de esgotar o mandato a xullo, probablemente adiante estas eleccións, pero en función non dos intereses de Galicia nin dos galegos e galegas, senón en función da chamada que teña de Alberto Núñez Feijóo", di Formoso.

"Nós estamos preparados para ese adianto porque parece que o vai haber", mantén o secretario xeral do PSdeG.

"En calquera caso, as razóns terá que xustificalas o presidente da Xunta, cando Galicia ten agora mesmo igual que o resto do país un problema importante de gobernabilidade, de esclarecer cal vai ser o Goberno do Estado, un problema ademais económico relevante coa alza de prezos que viña vinculada á guerra de Ucraína e agora vai tamén vinculada á situación de Oriente Próximo. Polo tanto terá que xustificar moi moito porque nos mete nun período electoral cando podía manterse en xullo".

"Un país non se pode conformar con regalar chándales aos rapaces cando empezan o curso"

A Rueda tamén lle critica a súa falta de ambición e de resposta aos problemas sociais. O exemplo pono no pasado debate de política xeral que a semana pasada se realizou no Parlamento: "Nós criticamos non tanto o contido dos anuncios, senón que ante unha situación no país onde Galicia está nun período de distanciamento co seu Goberno, cando está nun período de desmoralización de todos os sectores produtivos, culturais, sociais de Galicia, onde ven como todos os indicadores socioeconómicos, culturais que determinan cal é o escenario de progreso nunha sociedade no ámbito estatal non está Galicia nunca nos primeiros postos, tampouco na cola, é certo, pero hai un escenario de conformismo que a sociedade galega non pode admitir e debe de evitar".

"Galicia ten dereito a que un Goberno sexa máis ambicioso e que non permita, como dixo o presidente da Xunta, que se vaian tantos rapaces, porque veñen outros, pero os que se van son galegos e galegas", sinala Formoso quen di que "admitir esa realidade é probablemente o maior fracaso político que unha administración poida asumir".

"Creo que hai que evitar que o talento marche fóra. Hai que retelo ofertando un país cheo de ilusión, un país onde as súas potencialidades estratéxicas se poñan ao servizo da cidadanía. Iso pódese facer e non se transmitiu no Debate de Política Xeral, nin moito menos", asegura. 

O líder dos socialistas galegos cre que "un país non se pode conformar con regalar chándales aos rapaces cando empezan o curso, cando as liñas estratéxicas dun país de progreso están precisamente no fortalecemento dos piares do sistema do benestar como pode ser a educación, pero con medidas relevantes como gratuidade dos libros de texto ou progresivas que dalgunha maneira afiancen os dereitos aos que todos aspiramos".

"Non se pode defender a Constitución pola mañá é pola tarde transgredila"

Sobre a polémica entre a Xunta e o Goberno do Estado pola Lei do litoral, Formoso sinala a responsabilidade do executivo autonómico, a pesar de que o PSdeG se abstivo na votación no Parlamento, polo feito de que sexa unha lei feita sen respectar a Constitución: "Así o di o Consello do Estado. Consello no que entre outras intégrano persoas tan pouco socialistas como Soraya Sáenz de Santamaría que tamén acredita e asina ese informe onde claramente din que é inconstitucional porque o Estatuto de Autonomía non reflicte a capacidade de xestión sobre o dominio público marítimo-terrestre".

"Tampouco o reflectían os estatutos de Andalucía, de Murcia ou o das Canarias e tiveron que reformarse para que o Estado delegase esa competencia", sinala.

"Ten que quedar claro que o Goberno de España quere delegar esa competencia. O Partido Socialista de Galicia, dende un primeiro momento, púxose do lado dos que entendemos que o dominio público marítimo-terrestre é unha esfera moi sensible, porque por unha parte emprega a máis de 26.000 familias na cadea mar-industria, polas que hai que velar e protexer", asegura González Formoso.

"Pero por outra parte, entendemos que ninguén é máis sensible que a administración galega para establecer límites, liñas vermellas, á aquela sostibilidade e actividade na franxa costeira que poida admitir o noso país. Pero iso é unha cousa é outra é transgredir a Constitución".

"Non se pode defender a Constitución pola mañá é pola tarde transgredila porque o que estamos a facer é favorecer a ilegalidade das licenzas e as autorizacións que se poidan outorgar a unha empresa para ampliar o seu embarcadoiro ou por ampliar unha nave da súa fábrica conserveira. Hai que evitar iso modificando o Estatuto de forma exprés, de forma consensuada entre as formacións políticas", conclúe.

Formoso establece o compromiso de reformar o Estatuto de Autonomía no caso de que o PSdeG chegue ao Goberno: "Nós estamos convencidos de que se chegamos a ter confianza dos galegos e as galegas o próximo goberno de Galicia, nunha semana, en quince días, no período mínimo que se poida acordar, teremos modificación do Estatuto, e a garantía de que a competencia sexa delegada no noso país".

"Entendemos que hai que dialogar con todo o mundo"

En canto ás negociacións da investidura de Pedro Sánchez, que xiran arredor da amnistía dos condenados polo procés, Formoso ironiza con que "a única amnistía que coñezo a data de hoxe aprobada no parlamento de España foi a promovida por un galego, por Mariano Rajoy, que era unha amnistía fiscal que facía que todos aqueles que se corromperan, que roubaran neste país, durante décadas, durante a etapa da expansión inmobiliaria precisamente ían cos cartos para Suíza. E o Goberno de España permitiulles, co PP á fronte, ser amnistiados e traer os cartos para España, cartos ilegais".

"Nós entendemos que hai que dialogar con todo o mundo. Insisto dentro do marco constitucional, e cunhas liñas vermellas que é iso: a Constitución e a igualdade entre todos os españois", mantén o líder do PSdeG.

González Formoso asegura que en ningún caso esas negociacións van ser en prexuízo dos galegos, como asegura Alfonso Rueda: "O que prexudica a Galicia é un Goberno que renuncia a que Galicia lidere os indicadores máis importantes que marcan a vida das persoas. Polo tanto, que Galicia se estea desangrando industrialmente, con 100.000 traballadores menos, que Galicia perdera dereitos como a gratuidade dos libros de texto, cando o sistema sanitario está absolutamente depauperado..., iso é o que prexudica realmente a un país".

"Que teña claro todo o mundo que o PSOE e tampouco o PSdeG, xamais van permitir que se prexudique Galicia en ningún acordo a nivel estatal", conclúe o secretario xeral do PSdeG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade