Envían dende Sarria un tractor con mensaxes de solidariedade coa illa da Palma
Envían dende Sarria un tractor con mensaxes de solidariedade coa illa da Palma
O vehículo está adaptado para o cultivo de plátanos
Pintárono de vermello para lembrar os efectos da lava
Que os agricultores da illa da Palma sintan a solidariedade dos veciños de Sarria. Con ese obxectivo, nun concesionario agrícola da vila prepararon un tractor de fabricación xaponesa e enchérono de mensaxes de apoio aos afectados polo volcán da illa.
Mesmo o pintaron cunha cor vermella intensa para que nunca se esquezan os efectos das famosas coadas que asolaron a Palma.
O tractor é un dos modelos máis utilizados na illa porque está deseñado para o traballo en hortas e en plantacións de plátano. Os responsables do concesionario decidiron preparalo porque levan anos traballando con clientes nas Canarias e querían amosar a súa solidariedade cos afectados.
Non o puideron facer antes porque, como sucede con tantos produtos, o vehículo tardou en chegar máis do previsto.
Agora o concesionario xa prepara novas iniciativas solidarias con outras zonas de Europa que pasan momentos de apuro.