ERC celebra que Sánchez abra a porta á amnistía
ERC celebra que Sánchez abra a porta á amnistía
O líder do PP cualifica a amnistía de "fraude electoral"
Deputados socialistas censuran as palabras de Felipe González e Alfonso Guerra
Nada máis chegar de Nova York, Pedro Sánchez trasladouse ao Congreso. Aínda resoaban as súas declaracións sobre Cataluña de onte, en que apuntaba que "unha crise política nunca tivo que derivar nunha acción xudicial". Afirmou, ademais, que lle trasladara ao daquela presidente do Goberno, Mariano Rajoy, "o seu malestar".
Pero esta mañá, nunha entrevista na Cadena Cope, Mariano Rajoy desmentía a Pedro Sánchez. Asegura que o socialista non lle "falou nada nin de xudicializar nin de non xudicializar" e que a aplicación do artigo 155 foi pactada co PSOE.
Agora, Sánchez ábrelle a vía á amnistía, aínda que esquiva a palabra.
"Cando digo que vou ser coherente coa política que fixen de normalización e estabilización da situación política en Cataluña, pois estou dicindo moito", aseguraba ante as insistentes preguntas dos xornalistas sobre este asunto.
Dende ERC celebran "que se abra a porta desta maneira", aínda que, para Gabriel Rufián, "Pedro Sánchez demostrou moitas veces que as súas convicións son coxunturais, dependen da forza que teñas".
Segundo Mertxe Aizupurua, voceira de EH Bildu no Congreso, "todo o que sexa favorecer unha solución política dunha cuestión que é eminentemente política é ir na boa dirección".
Pola súa parte, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, considera que "estamos ante unha fraude electoral, un ataque á democracia española e á división de poderes que protexe a Constitución".
Na mesma liña volveu pronunciarse onte a vella garda do PSOE. Felipe González facía un chamamento a non "deixarse chantaxear por ninguén" mentres Alfonso Guerra acusaba a Pedro Sánchez de ser el o "desleal" e "disidente".
O día despois, Sánchez non quixo pronunciarse sobre esas palabras, pero si o fixeron outros socialistas. Miquel Iceta cualificounas de "antigas", mentres Santos Cerdán auguraba que o libro de Alfonso Guerra "seguro que terá máis éxito que as arengas que está alimentando". Para José Luis Ábalos, esas palabras "benefician o adversario" e por iso o "celebra toda a dereita". De feito, nos corredores do Congreso, Alberto Núñez Feijóo, cualificounas de "moi interesantes".
Tamén o líder de Junts, Carles Puigdemont, opinou nas redes: "Hai políticos que cando falan soben o prezo do pan, e outros que soben o prezo do cal vivo"